Foi en setembro do ano 2002 cando se celebrou o Primeiro Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense. Unha iniciativa que nacía cunha decidida vocación de futuro. E botando a vista atrás, nesta edición número dezaoito, que supón unha simbólica (pero tamén real) “maioría de idade”, non pode negarse que xa é unha referencia e mantivo unha presenza destacada e estable no contexto galego da arte contemporánea, facendo o que debía e o que se espera dunha convocatoria destas características: defendendo a pluralidade, sendo transparente nas resolucións, e converténdose nun foco de difusión dos artistas novos, para quen este é un estímulo e un primeiro achegamento ao ámbito plástico. Por outra banda, de tal convocatoria vaise obtendo un “retrato” relevante dunha xeración que busca situarse no tempo que lle toca vivir. Hoxe, nun mundo convulso, complexo e dun desenvolvemento tecnolóxico incerto nas súas derivas, e no cal, dunha ou doutra maneira, estas novas voces han de situarse, pescudando o seu propio aire (e a súa propia arte). Esta procura por definirse semella que non cambiou demasiado co pasar dos anos.
DEZAOITO “MARCOS” DESPOIS
“É a obra de arte unha illa imaxinaria que flota rodeada de realidade
por todas partes”. José Ortega y Gasset, Meditación do marco.
Foi en setembro do ano 2002 cando se celebrou o Primeiro Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense. Unha iniciativa que nacía cunha decidida vocación de futuro. E botando a vista atrás, nesta edición número dezaoito, que supón unha simbólica (pero tamén real) “maioría de idade”, non pode negarse que xa é unha referencia e mantivo unha presenza destacada e estable no contexto galego da arte contemporánea, facendo o que debía e o que se espera dunha convocatoria destas características: defendendo a pluralidade, sendo transparente nas resolucións, e converténdose nun foco de difusión dos artistas novos, para quen este é un estímulo e un primeiro achegamento ao ámbito plástico. Por outra banda, de tal convocatoria vaise obtendo un “retrato” relevante dunha xeración que busca situarse no tempo que lle toca vivir. Hoxe, nun mundo convulso, complexo e dun desenvolvemento tecnolóxico incerto nas súas derivas, e no cal, dunha ou doutra maneira, estas novas voces han de situarse, pescudando o seu propio aire (e a súa propia arte). Esta procura por definirse semella que non cambiou demasiado co pasar dos anos. Revisando o texto do primeiro catálogo daquela primeira convocatoria, escrito por Camilo Franco, remataba así: “Son perspectivas dunha arte que busca aire. Pero esta sensación quizais a teña tamén o cidadán sensible: excedido polas palabras, polas imaxes, polos discursos e ata polos contradiscursos. É, con todo e máis, unha arte vital porque, como dicían os especialistas dun tempo que non é este, o importante no ser humano é o conflito”. Ese texto titulábase O importante é o conflito. Obviamente, Camilo Franco referíase a o conflito particular da propia arte e dos propios artistas consigo mesmos e coa sociedade que lles toca e coa parte que se lles supón de indagación de camiños, de estéticas e de éticas, en definitiva, dun posicionamento. Un “conflito” que continua e permanece, a pesar do que se diga, nos novos nomes que van aparecendo, como así ocorre nesta edición. Respondía Man Ray nunha entrevista: “Sempre se fala de provocación de parte dos artistas. Sabe, eu nunca souben que hai que facer para provocar a ninguén. Todo o que eu fago é porque necesito provocarme a min mesmo”. Este é o asunto: a provocación, o conflito, necesariamente ten que vir e vén, de feito, dos propios artistas con eles mesmos, xa logo e, posteriormente, verase a incidencia, e transcendencia ou non de tales intentos. Estas novas voces poden facerse visibles, pode dárselle acubillo, en certames como este, que sen dúbida son necesario. Pero non só necesarios, senón tamén obrigatorios nun ámbito, como o artístico, coa palabra precariedade soando sempre no fondo, sempre coa dificultade propia dunha profesión, oficio (chamémoslle como queiramos) no que o “conflito” non só ten que ver coas derivas e azares do propio marco da arte, senón que hai outros conflitos agregados que veñen dados polas circunstancias, o contexto e diferentes realidades coas que hai que pugnar e que afectan e inflúen en calquera carreira artística.
Ao longo de todos estes anos foron moitos os nomes de artistas que pasaron por este certame. A nivel persoal tiven a fortuna de ser seleccionado nesa primeira convocatoria e así comezar a facerme “visible” neste campo da arte, e xamais pensei formar parte do xurado tantos anos despois, coa responsabilidade de seleccionar obras e acabar escribindo este breve texto introdutorio. O primeiro premio daquel ano lembro ben que recaeu nunha pintura de Álvaro Negro (que hoxe goza dunha recoñecida traxectoria); o segundo foi para María Pinal, e o terceiro para Patricia Dopico. Un accésit foi para Pablo Murcia e outro para Rubén Ramos Balsa, que poucos anos despois, no 2007, participaría na Bienal de Venecia (xunto con José Luis Guerín e Manuel Vilariño, representando o Pavillón español, comisariado por Alberto Ruíz de Samaniego). Nese ano 2007 ao que acabo de aludir, Miguel Fernández-Cid, que formou parte do xurado da convocatoria correspondente, asinou o texto do catálogo que remataba facendo unha valoración das edicións transcorridas ata entón: “Tratábase de esbozar un primeiro balance, ao cumprir media ducia de convocatorias, e o resultado é francamente bo. De seguir así, cando teñamos que facer resumo de dez ou doce convocatorias, atoparémonos con que algúns dos elixidos expoñerían de maneira individual nas salas que un día compartiron mostrando desexos e iniciais tentativas. Esperando que iso ocorra, podemos constatar que a canteira artística existe”. Non se pode estar máis de acordo logo de dezaoito convocatorias. Se repasamos os nomes seleccionados e premiados en todos estes anos, hai moitos que fixeron e seguen facendo carreira artística e xa son claros representantes da escena da plástica galega e nacional; outros non tiveron tanta sorte, certamente e tamén hai que sinalalo, sexa polas dificultades do propio ámbito, por circunstancias doutra natureza, ou mesmo porque cambiaron as súas perspectivas e intereses. En calquera caso, un certame con dezaoito edicións é desexable que se manteña como unha forma de alento para quen comeza un camiño tan fermoso e intenso, cheo á vez de dificultades e incertezas, pero tamén de descubrimentos, de suxestións, de debates, novos ou eternos, e de intentos de mirar e de entender o mundo doutras formas.
Pero falemos sen máis, e para rematar e aínda que sexa brevemente, dos premios que, ao cabo, son os protagonistas, que foron diversos en técnicas e perfís estéticos e cuxos nomes, a pesar da súa mocidade, posúen unha destacable e nalgúns casos, ampla traxectoria expositiva e de investigación. A peza gañadora foi unha pintura de gran formato titulada “Gineceo II” na que se alude, de maneira sutil, ao espazo do fogar que na antiga Grecia estaba reservado exclusivamente ás mulleres e que os homes só podían imaxinar. Da súa autora, cun currículo xa destacable, Ana Pavón Porras (Coín, Málaga 1996) podemos dicir que centra o seu traballo nun imaxinario de suxestións que convida ao espectador a unha experiencia interpretativa aberta e nunca categórica. O segundo premio foi para Carlos Fer (Tui, 1997), con “Pintura pechada III”, un acrílico sobre lenzo intervido con alfinetes e asas que tentan substituír ás tradicionais fixacións dun cadro colgado. Un autor que se define como multidisciplinar e investigador e que ultimamente ben traballando nun interesante proxecto sobre o pregue na pintura contemporánea dentro dun doutoramento na Universidade de Vigo. “Crash” é o título do terceiro premio, de Julio Catalán Rubinos (Lugo, 1995), unha instalación de gran formato que combina restos de faros traseiros de coches e arames dispostos na parede para realizar unha composición situada entre o accidente e a reconstrución. Outro premio, en forma de accésit, recaeu na obra “Hybrid Plant” de Antía Iglesias (Vigo, 1997), unha artista que mantén unha investigación sobre a cocreación entre a arte e a ciencia para fomentar o diálogo entre especies. E, finalmente, e non menos importante, o accésit para a obra “Las partes en las que tengo que plegar un rascacielos” onde tellas de lousa empréganse para calcular con xices a relación entre a altura da artista e a dos edificios máis altos de Nova York, unha peza de Mar Ramón Soriano que, aínda que nada en Valencia, no ano 1993, vive e desenvolve un traballo moi centrado na cerámica en Niñodaguia, Ourense, un pobo de tradición oleira. O resto das obras seleccionadas entre as case trescentas presentadas a esta convocatoria pódense ver neste catálogo e na mostra expositiva, onde podemos comprobar as diversas condicións, técnicas e formatos, que reflicten unha boa parte dos camiños estéticos e inquedanzas destas novas xeracións de artistas que, esperemos, poidan manterse no camiño, como un arquipélago rodeado de realidades, non sempre amables, pero ás que miran desde prismas e enfoques máis conscientes, inclusivos, construtivos e autocríticos.
Rosendo Cid, agosto 2025
Lugar: sala 2
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h., sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado:
Esta exposición non ten ningún video asociado
Organiza Deputación de Ourense.