XVII CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS DEPUTACIÓN OURENSE

XVII CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS DEPUTACIÓN OURENSE

COLECTIVA

Esta exposición é unha escolma dos traballos presentados á XVII Edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación, no que participaron novos artistas procedentes de 12 países. Pintura, fotografía, escultura, vídeo e instalacións compoñen esta mostra que nos indica por onde vai a arte máis emerxente.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

17 anos apoiando a arte emerxente

 

O Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense chegou no ano 2023 á súa XVII edición, e sería suficiente un repaso superficial das cifras acadadas, para evidenciar a importancia que tivo esta iniciativa no conxunto do sistema artístico da nosa comunidade.

En primeiro lugar, destaca, e é unha boa mostra da relevancia que o Certame foi adquirindo na sucesión de convocatorias, o inxente número de proxectos presentados ao longo das 17 edicións, co resultado de máis de cincocentas obras seleccionadas, catalogadas e expostas.

A consecuencia que terá maior visibilidade é o conxunto de 85 obras premiadas nas sucesivas convocatorias, obras que xa entraron a formar parte da Colección de Arte da Deputación de Ourense, integrándose nun legado institucional crecente, que as custodia, albérgaas e ponas a disposición do conxunto da sociedade. Grazas a esta iniciativa, numerosos/as artistas novos/as beneficiáronse dos diferentes premios, e da súa contrapartida económica; co engadido de que puideron amosar o seu traballo nas mellores condicións, e tiveron a posibilidade de empregar o premio como tarxeta de presentación, no seu apartado curricular, para a consolidación do seu propio proxecto artístico. Ademais, un nutrido grupo de profesores/as de BBAA, historiadores/as da arte, críticos/as e comisarios/as de consolidada traxectoria, constituíron os xurados responsables da elección dos/as artistas premiados/as en cada nova edición, sendo eles/as os/as primeiros en entrar en contacto co conxunto de obras presentadas: un material de traballo de primeira magnitude que, sen dúbida, serviu para que puideran frutificar outros moitos proxectos expositivos e curatoriais.

E, por último, aínda que non menos importante, miles de persoas gozaron, nas exposicións realizadas, dunha excelente selección da mellor arte emerxente creada na nosa comunidade. En tempo real, mentres o proceso creativo se está producindo, temos acceso a un conxunto de obras latexantes de vida e vontade expresiva: case sen darnos conta asistimos -en vivo e en directo- ao nacemento das novas xeracións de artistas.

Repasar, a día de hoxe, a lista de artistas seleccionados/as ao longo das sucesivas edicións do Certame, daranos a medida exacta do acertado daquelas decisións: unha gran maioría daqueles mozos e mozas situáronse xa no primeiro plano da actividade artística peninsular, entrando as súas obras a formar parte de importantes coleccións públicas e privadas, e todos e todas sen excepción demostraron coas súas realizacións posteriores o importantísimo punto de inflexión que supuxo, no enfoque e materialización dos seus proxectos artísticos, o interese suscitado con este premio.

Con todo, estimamos que o principal mérito do Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense foi a súa capacidade para xerar tecido social en torno ás manifestacións máis innovadoras da arte contemporánea, trenzando novas redes de complicidade entre todos os estamentos que conflúen nesta actividade: artistas, público, sistema crítico, coleccións públicas e institucionais, sistema comercial, institucións e xestores. Nos tempos convulsos que nos tocou vivir, esta capacidade de xerar valores sociais e unificar intereses comúns, en torno ás expresións culturais, ha de considerarse o patrimonio máis valioso dunha institución. Conformando así o núcleo consubstancial do proxecto: a súa vocación social, a súa capacidade para xerar sentido e acción colectiva en torno ás prácticas artísticas contemporáneas.

As práctica artísticas son o necesario e imprescindible i+d da elaboración simbólica, son as produtoras do material sensible que conforma o ADN dunha comunidade, o conxunto de procedementos que sementa de sinais o imaxinario colectivo, e proporciona a cada membro desa sociedade instrumentos para experimentar o seu propio lugar no mundo. Nese sentido, unha colección de arte é un exercicio de memoria colectiva, un fondo inesgotable de imaxes e experiencias, unha reserva viva dos sutís materiais simbólicos que conforman o imaxinario dunha sociedade. No tanto que arquivos de contidos simbólicos, as coleccións de arte, públicas ou privadas, constitúen unha parte considerable dese patrimonio material que toda sociedade ten a misión de preservar e manter vivo, e que, como legado, que ha de transmitirse, nas mellores condicións, ás novas xeracións, tanto para o goce estético como para que poida utilizarse de fondo documental e soporte de futuros estudos e investigacións.

Toda sociedade debe asumir a obriga de recargar (“reload”) cada certo tempo a súa particular historia das formas artísticas, cada entorno social vese impelido a poñer ao día periodicamente a súa lectura das obras que o conforman e lle confiren fondura e contido. Edición tras edición, seguindo as pegadas deste Certame, púidose constatar como cada nova xeración de artistas está obrigada a renovar, para uso propio, os contidos simbólicos da súa tradición, e como cada artista en particular interioriza esa necesidade de redefinir, desde unha perspectiva contemporánea, o sentido e a funcionalidade específica das prácticas artísticas. Unha actividade que se verá obrigado a desenvolver, contra vento e marea, nun mundo progresivamente transformado en esfera de conexións, no que de xeito progresivamente acelerado se implantan as vertixinosas tecnoloxías de distribución de produtos culturais e de entretemento (se aínda se poden facer distincións), á par que se dilúe o sistema de valores que mantiña a actividade artística a salvo dentro das súas estritas fronteiras, baixo a xurisdición dun gremio especializado.

O resultado non será outro que unha imparable hibridación de procedementos e linguaxes que cuestiona calquera idea preconcibida acerca das prácticas artísticas e as súas condicións de exhibición ou posta en discurso. Ao tempo que, ano tras ano, gaña visibilidade a presenza feminina, e comeza a tomar unha crecente importancia a investigación acerca das políticas de xénero e a dimensión política dos roles sexuais, xeneralízase a irrupción das prácticas artísticas feministas e a presenza, xa inexorable, do corpo como suxeito político de primeira orde. O/A artista devén así provedor/a de contidos intelectuais, decotío filósofo/a, en outras ocasións etnógrafo/a (H. Foster), pero tamén sociólogo/a, arquiveiro/a, catalogador/a de indicios, documentalista do espolio e a dominación, crítico/a da cultura, desvelador/a da fascinación adormecedora dos media, “mecenas ideolóxico/a” (W. Benjamin), ou abandeirado/a da loita pola visibilidade dos máis diversos colectivos desatendidos pola mirada hexemónica (feminismo, activismo queer, réxime poscolonial /…/), e sempre explorador/a da provisionalidade e inestabilidade dos réximes de representación, recodificador/a das convencións.

Así, cada obra ofrécese como terreo de xogo para inseguros acontecementos, cada intervención define un espazo sempre a punto de anular (de levar ao seu mínimo infinitesimal) a fisura entre o soporte e a imaxe, a distancia -apenas térmica- que se dilata entre a máscara e o rostro. As obras acadan entón o seu limiar de visibilidade, o seu estado infra-delgado (infra-mince), acumulando nesa aproximación incuantificable a súa máxima tensión: exceso descontrolado de ser, malgaste de representatividade que non acaba de pousarse. Expresividade solteira que se aproxima ás cousas só para xerar a súa propia “gasolina amorosa”. A intensidade cárgase de distancia.

Ese é o contexto, e cada nova convocatoria do Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense sitúanos ante un capítulo inédito da historia máis recente e palpitante das prácticas artísticas contemporáneas, unha historia que se vai escribindo, día a día, minuto a minuto, ao trepidante ritmo que marca a irrupción das novas xeracións de artistas. Na edición deste ano, entre as 276 obras presentadas, procedentes de 12 países distintos, resultaron premiados os proxectos de Ruth Vidal Suarez (primeiro premio), Jorge Fernández Valdés (segundo premio), Nerea Cordeiro Cerviño (terceiro premio), e Verónica Vicente e Andrés Rivas Rodis (ambos cun accésit). Creadores e creadoras moi diferentes, armados de poéticas en ocasiones contrapostas, artistas remisos a calquera ordenación de carácter grupal ou xeracional; en definitiva, artistas que xa só poden buscar respostas individuais nun mundo dominado pola ausencia de rumbos predeterminados, e no que a desorientación vese sobredimensionada polo exceso de información.

As consecuencias de todo isto observaranse con claridade nos traballos de todos/as os/as artistas seleccionados/as para esta exposición: adelgazamento dos códigos e implosión dos xéneros, incorporacións flagrantes do obxectual e o audiovisual en detrimento do absoluto dominio do pictórico nas prácticas artísticas de décadas anteriores; fotografía, pintura expandida, vídeo e tecnoloxías dixitais, o uso recorrente de materiais e procedementos “ironizantes”, e -máis que ningunha outra cousa- autoconciencia do feito artístico e da incontrolable promiscuidade de linguaxes. Espazos acoutados que durante séculos a arte placidamente señoreou, amósansenos hoxe como cruce de camiños e buliciosa encrucillada, territorios imprecisos onde proliferan imaxes sen filiación, e promiscuas conxuncións sacan adiante as súas camadas.

Situarse ante unha obra de arte supón a posta en marcha dun proceso que xamais se esgota, unha suma cristalina de lecturas que se complementan sen anularse, un conflito latente que non chega a fixarse senón como dispositivo, como mecanismo ingobernable de proxección de incógnitas. Achéguense a esta exposición, mergúllense nestas novidosas lecturas do presente e gocen, sen máis mediacións, dun privilexiado lugar de observación sobre o crisol de formas do mundo e a inmarcescible levedade da existencia.

Currículum do artista