TRES XERACIÓNS, TRES MIRADAS

TRES XERACIÓNS, TRES MIRADAS

JOAQUÍN MOLDES, SANDRA MOLDES E RAISA PAZ

A exposición “Tres Xeracións– Tres Miradas” de Joaquín Moldes, un artista ourensán por elección, que recentemente foi diagnosticado coa enfermidade de Párkinson, busca unir tres xeracións nun proxecto de mutuo apoio. O proxecto xorde como resposta á súa situación persoal, na que, xusto coincidindo coa súa xubilación, se ve enfrontando a deterioración causada por esta enfermidade neurolóxica e dexenerativa. Moldes, inspirado no enfoque da arte como terapia e recurso curador, decidiu utilizar a creación artística como ferramenta terapéutica, canalizando emocións e encontrando un propósito máis alá da incerteza e como homenaxe ao esforzo do intento da superación. A través da pintura intenta conseguir un enfoque positivo e de mutuo apoio entre xeracións, para transmitir unha mensaxe de fortaleza a aqueles que se senten desesperanzados.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

TRES XERACIÓNS– TRES MIRADAS

A exposición “Tres Xeracións– Tres Miradas” de Joaquín Moldes, un artista ourensán por elección, que recentemente foi diagnosticado coa enfermidade de Párkinson, busca unir tres xeracións nun proxecto de mutuo apoio. O proxecto xorde como resposta á súa situación persoal, na que, xusto coincidindo coa súa xubilación, se ve enfrontando a deterioración causada por esta enfermidade neurolóxica e dexenerativa. Moldes, inspirado no enfoque da arte como terapia e recurso curador, decidiu utilizar a creación artística como ferramenta terapéutica, canalizando emocións e encontrando un propósito máis alá da incerteza e como homenaxe ao esforzo do intento da superación. A través da pintura intenta conseguir un enfoque positivo e de mutuo apoio entre xeracións, para transmitir unha mensaxe de fortaleza a aqueles que se senten desesperanzados.

O proxecto ten como motivación principal a superación dos medos e a valentía de expresarse publicamente a través da arte. Moldes, que sempre foi un grande admirador da arte, busca liberar os seus pensamentos, emocións e temores a través da pintura e animar a outros a facer o mesmo. A exposición levarase a cabo no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, como un xesto de gratitude cara á provincia e co obxectivo de xerar conciencia sobre o apoio ás persoas con enfermidades neurolóxicas.

A colaboración de Sandra Moldes Barroso e de Raisa Paz Moldes −filla e neta de Moldes respectivamente−, na exposición reforza a idea de unir tres xeracións e proporciona apoio mutuo. As súas obras, realizadas con diferentes estilos e técnicas, comparten a motivación da expresión persoal e da liberación a través da arte. A exposición destacará a expresividade das obras de Moldes, co uso de cores vivas e elementos figurativos, e mostrará como o enfoque da arte como terapia está sendo un recurso curador na súa vida.

Raisa, graduada recentemente na universidade, titulou o seu traballo de fin de grao (TFG) “Arquitectura, naturaleza y tiempo: un acercamiento a la ruina a través de la pintura” e nel aborda diversas temáticas relacionadas coas consecuencias do paso do tempo: a coexistencia entre o crecemento vexetal e a degradación das edificacións e o carácter efémero da obra humana. Para esta exposición, Raisa creou imaxes pictóricas que adquiren unha calidade tridimensional grazas ao uso de materiais de carga, logrando así un efecto visual sorprendente. O seu manexo da luz, dunha gran naturalidade, móstranos as ruínas que Joaquín intenta reconstruír gradualmente no seu novo contorno adoptivo.

Ao mesmo tempo, Sandra preséntanos, por encargo de Joaquín, obras que representan as igrexas e capelas do contorno. As súas obras caracterízanse por un trazo preciso que contorna cada pedra, como se ela mesma as estivese descubrindo e construíndo con meticulosidade. Estas igrexas rodean o xardín de esculturas en constante evolución, onde Joaquín día tras día lles dá novas formas. As obras de Sandra, xunto coas esculturas de Joaquín, conforman un contorno artístico que fusiona a arquitectura e a escultura, para invitar ao espectador a reflexionar sobre a permanencia e a transformación no tempo.

Como abordar a superficie pictórica a través de tres xeracións con miradas e técnicas diferentes? Esta exposición vai máis alá diso e céntrase na incerteza para render homenaxe ao esforzo de superación. Joaquín Moldes, afectado pola enfermidade neurolóxica e dexenerativa de Párkinson, enfróntase a unha nova realidade despois de moitos anos no mundo da construción. A noticia altera o seu mundo e lévao a aceptar este novo desafío.

Moldes, co seu vasto coñecemento e experiencia no seu oficio, constrúenos agora unha nova realidade utilizando diferentes soportes e materiais. A través de cargas e densas masas de pintura que loitan en múltiples direccións, busca novas respostas en superficies recicladas para o seu uso na pintura. Ademais, engade elementos tridimensionais en varias das súas obras, con trazos soltos e expresivos que destacan no uso da cor. Estes elementos impáctannos e invítannos a reflexionar sobre o motivo que hai detrás de tanta materia.

Moldes −segundo as súas propias palabras−, ten como obxectivo “plasmar nun plano físico e visual toda a emotividade, os conceptos que configuran a miña serie de pinturas, a través dun proceso pictórico e creativo complexo”. Na súa obra aborda cuestións estreitamente relacionadas coa súa enfermidade, pero ao mesmo tempo, recorre a outras ideas e temas de carácter reivindicativo e crítico coa sociedade.

Presentamos a exposición “Tres Xeracións– Tres Miradas” no marabilloso Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde Joaquín, Sandra e Raisa nos ofrecen unha obra que funciona como sinais, que nos advirten e guían. É un testemuño da nosa perseveranza fronte á nosa fraxilidade.

Gonzalo Sellés Lenard

Comisario

Currículum do artista