PENÉLOPE. A OBRA DE RUTH LODEIRO
Coa instalación Penélope a artista Ruth Lodeiro afonda na súa indagación sobre os mitos. O soporte e a idea nuclear que preside a súa obra está fortemente ligada a condición sexual, á reflexión sobre a identidade e ás relacións sociais e persoais.
Mais lonxe de calquera maniqueismo, a obra da nosa artista admite a indecisión e mais a dúbida, que funcionan no conxunto das creacións como fío condutor, coa ligazón física co feminino como centro da obra, e con intensos referentes icónicos como vehículos transmisores da mensaxe alegórica.
Pode sorprender a alusión á alegoría nunha artista contemporánea, mais non se debe entender nun sentido tradicional, xa que se ben a artista utiliza imaxes que nos lembran o mundo visual codificado nas artes plásticas e en especial certa iconografía que evoca o mito: redes, tecidos, úteros.. recreada pola artista en toda a serie de obras expostas, non se utiliza como explícita e directa alusión á opresión ou á indeterminación, senón como representación da negatividade e do convencionalismo que pexa a nosa existencia cotiá. Daquela, o que noutrora fora lembranza da fidelidade ás virtudes “femininas” e austera significación moral ou didáctica, tórnase agora expresión de todo o que anula a nosa capacidade de reflexión e de acción.
As obras, construídas por medio de coidadas elaboracións cerámicas e ensamblaxes, serven á artista para afrontar o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (plástico e temático) en que os motivos de intenso contido vivencial, lonxe de coartaren a liberdade formal, funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para indagar na comprensión e na interpretación do mundo, producíndose, xa que logo, como na mellor arte, unha interrelación entre logros visuais e desenvolvemento temático. Toda a serie Penélope é un bo exemplo desta actitude, abisal e convulsa no conceptual, e dunha enorme pulcritude formal.
En medio dese pulcro desacougo e desa reflexión que transmite toda a obra de Ruth Lodeiro aparece sempre o universo da muller e, así, o corpo –obxecto e suxeito da súa obra- remite nas súas diversas representacións a unha lectura das constantes da presenza do feminino na nosa cultura, tornándose en explícito territorio para a reflexión sobre a tradición e o presente. Un exemplo excelente é a instalación Penélope co corpo feminino, e os atributos ligados ao tear, unha obra ateigada da carga onírica e do pulo vital que o universo feminino transmite, conformándose como unha auténtica iconografía da diferenza.
Desde o punto de vista conceptual, a obra de Ruth Lodeiro ten unha forte vontade de discurso, de carga semántica. Parte da estrita intimidade do eu e actúa entrelazando os temas, as obsesións da autora co silencio, co espazo baleiro, conseguindo daquela modular o sentimento coas pulsións que nunca son completamente representábeis na concreción plástica da obra. Mais o que si consegue é transmitir unha sensación que subxace detrás, no fondo da comunicación discursiva da obra. Ruth Lodeiro demostra que a arte sempre ten unha compoñente de pulsión e con temas como os presentes este aspecto fica aínda moito máis resaltado, co corpo e o eu cun protagonismo singular, como preocupación relevante, entendida desde toda a súa pluralidade, mais especialmente como fonte de reflexión sobre os diferentes roles e comportamentos desde o máis cotián ao máis transcendente.
Ruth Lodeiro concibe a creación artística como unha volta á intimidade do eu, expresada nunha linguaxe plástica e reflexiva, desenvolvida e patentizada na totalidade íntegra da súa persoa. Consegue así reter o que se di a si mesma na soidade da súa intimidade pero que precisa e adquire todo o seu sentido como forma artística con vontade de comunicación.
Ligado a este feito, podemos percibir un universo que evidencia os silencios, os ocultamentos, as veladuras, as dúbidas e a angustia do mundo feminino, como materia e fonte de creación autorreferenciada.
Carlos L. Bernárdez
Lugar:
Horario:
Precio:
Visitas guiadas: mércores 7 de marzo, ás 20.15h.
Comisariado:
Organiza Instituto Traumatolóxico de Galicia S.L. Programa completo na seguinte ligazón: https://www.centroculturaldeourense.com/contenido/uploads/2026/04/meetin-trauma-meetin-trauma.pdf
Esta web guarda cookies en su ordenador. Estas cookies se utilizan para personalizar su experiencia de navegación y recopilar datos de uso de nuestro website de acuerdo con la Aplicación del Reglamento General de Protección de Datos (RGPD). Si decide no aceptar las cookies, una cookie se guardará en su ordenador para recordar durante un año esta selección.
Aceptar or Denegar