REENCONTRO

REENCONTRO

COCHORRO

Cochorro (Luis Fernández González) leva preto de 50 anos dedicado á escultura na súa Valdeorras querida. A pedra e o mármore son os materiais preferidos polo artista, cun traballo cáseque poético, cheo de sutileza e dozura a pesares da contundencia dos materiais. Agora volta a mirar cara a madeira tamén, nese constante traballo de aproximación entre o artista e a súa obra.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

CANDO AS PEDRAS FALAN, O HOME CALA. COCHORRO

Luís Fernández González naceu hai setenta anos nos arredores de Pena Trevinca, nas serras de Valdeorras, Rubiá, seccionadas polo aurífero Río Sil. Como a paisaxe e a xeoloxía suxeitárono desde os primeiros momentos da súa vida, que outra cousa podía facer que ser escultor cando lle falaban as escuras e misteriosas pedras calcarias da comarca. Cochorro é un home tímido e calado, porque escoita con atención o que lle conta e ofrece cada peza do mármore gris, marrón e avermellado coa que se enfronta, un mármore cheo de matices e vetas de óxidos, principalmente de ferro, como unha ferida de sangue que acrecentan o interese de cada obra elaborada.

Nunha das súas últimas exposicións, o comentarista da Voz de Galicia cualificou o seu estilo expresivo de “ figurativismo esquemático”. Ben está. Talvez porque unha boa parte da súa produción apóiase nas cabezas e corpos da muller. É evidente a influencia do mundo formal feminino no seu traballo, onde atopa norma e modelo na súa muller Pilar, a súa filla, nai e irmá. Aínda que prescinde de detalles e anécdotas que probablemente reducirían a contundencia plástica dos seus volumes e nos seus pulidos acabados saca á luz toda a riqueza de tons e suxestións que a pedra gardaba. A súa técnica de traballo é a tradicional da talla na que se vai retirando do bloque inicial todo aquilo que sobra, a golpes de mazo e cicel. En moitas das súas pezas atopo unha gran proximidade formal coa proposta estética do escultor zamorano Baltasar Lobo, artista que se sitúa na segunda escola de París, moi próximo aos traballos dos grandes pintores Doroteo Arnáiz e Ginés Parra, que tantos camiños novos abriron. Situación paralela á de Cochorro co seu irmán nas armas da Arte, Miguel Mosquera. Complexo, frutífero e dificilmente avaliable o permanente dialogo establecido desde os primeiros tempos da actividade creadora entre pintores e escultores, os primeiros loitando incesantemente contra a endiañada dificultade de recoller no plano de dúas dimensións todo o que lles conmove e motiva a narrar dun mundo que aparenta ter ademais de ancho e alto, profundidade e tempo. É dicir, dunha realidade exterior, a interior comentámola noutro momento, constituída por un fluxo continuo, cambiante e infinito, por tanto, inaprensible e entón non queda outra que seccionar, romper, crebar, separar e clasificar para poder incorporala ao seu proxecto plástico. Para os escultores o asunto non é máis sinxelo, ocupados nas cuestións que relacionan as meras cousas co espazo, as situacións que xeran as cousas ao atoparse unhas con outras e sempre o que lles ocorre aos observadores cando se desprazan en torno ou sobre as esculturas, teñen que facer coma se entendesen onde estamos e por que todo é así.

Todo escultor ten unha estratexia propia para interpretar o espazo, por máis simple que poida parecer a súa oferta artística, e de aí derívase a súa singular linguaxe. No caso de Cochorro, a súa parece clara, non saírse do espazo tridimensional, non romper coa mecánica newtoniana e non aventurarse nos mundos do micro, nin do macro, non entrar nas probabilidades cuánticas, e cos pés ben asentados na terra, buscar e investigar.

Camiñar pola serra, achegarse ás canteiras, descartar a todopoderosa gris lousa que tanto diñeiro e dor trouxo, e segue traendo, á comarca, acordarse do máxico e tenaz volframio tan escaso como poderoso e buscar o bloque da infrecuente calcaria tenebrosa como un filósofo presocrático. Só serve o presumiblemente adecuado para cada proxecto, comprobar a bondade do material, tamaño, forma e calidade cromática, encaixalo nos debuxos preparatorios, aínda que ningún bloque atopado encaixa á perfección e entón hai que descartalo ou adecuar o pensado previamente, que adoita ser o habitual. Entón comeza a loita/diálogo coa pedra que, se no seu estado natural murmuraba, agora fala con forza e claridade, e explica por onde si e por onde non pode ir a ferramenta, investigar a traza do camiño que está levemente indicado, pois hai que saber recoñecelo para que o relato da racional xeometría do artista se impoña ao orgánico ser da rocha.

Os doces volumes das pezas de Cochorro atópanse máis acordes coa harmonía do compacto, sen prescindir ocasionalmente do baleiro, máis co denso que co lixeiro. Non elude o recurso da pregadura e da estraña fermosura do que se envolve sobre si mesmo. Entre as súas evidentes

habilidades á hora de compoñer os seus vultos redondos, atópase a delicada fermosura que propón o equilibrio entre o cóncavo e o convexo. A do que escapa da nosa mirada e a do que se nos aproxima.

Retomando o inútil debate entre a figuración e a abstracción, xa que toda obra de Arte é abstracta na súa esencia porque se trata dun conxunto de signos que aluden a outro obxecto, a linguaxe de Cochorro escórase cara a unha corrente de formalismo sintético, onde sen prescindir absolutamente das referencias figurativas ao corpo humano, principalmente ao da muller como xa se dixo, ás formas dos elementos naturais, plantas e animais, ou ao da propia paisaxe na que vive, logra esquematizar xeometrías expresivas. Son pouco frecuentes no seu repertorio de obras, aquelas construídas coa terceira técnica da escultura, a ensamblaxe. Só coa madeira e o ferro libérase do duro esforzo da talla en pedra, atopando un relato máis sutil e complexo. Por outra banda, é cuantitativamente moi numerosa a produción de pezas a escala doméstica, obras para interior, cando o propio material xeralmente utilizado e as solucións plásticas do escultor levarían a pensar obviamente nunha liña de desenvolvemento do seu plan que o achegase á monumentalidade. Pero aquí topamos coa miopía da maioría dos promotores públicos e dos grandes xestores de recursos privados que podían posibilitar esta área minorizada do seu propósito artístico.

Fronte o cegador esplendor das esculturas elaboradas cos mármores brancos, rosados e cremas do Mediterráneo, extraídos das canteiras de Almería, Italia e Grecia, atópanse as escuras, misteriosas e afables esculturas deste virtuoso artista que silenciosamente vai construíndo unha obra intensa e honesta. Escoitemos co escultor a remota música de carro e as doces cancións de vendima que ocultas nas pedras do val do ouro libera nas súas honestas pezas.

Fernando Ferro/ outono 2023

Currículum do artista