OS EREMITAS DE ACISCLO

OS EREMITAS DE ACISCLO

ACISCLO MANZANO

“Eremitas” é a miña maneira de dar as grazas a aqueles eremitas, moitos deles anónimos, que un día escolleron as nosas terras para vivir e aos que eu quero devolver eses mosteiros que un día poboaron.
Acisclo Manzano.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

1.  Sobre as diferenzas entre monxe (mosteiro), eremita (eremitorio) e cenobita (cenobio).

Cando falamos de eremitas, monxes e cenobitas tendemos a confundir os termos empregándoos ben como sinónimos, ben de xeito erróneo chamando cenobios aos más antigos e mosteiros aos máis recentes.

Comecemos polo principio. Parece que a cristianización da Ribeira Sacra foi temperá, e xa no século IV atopámonos cos primeiros vestixios de cristianismo no sarcófago paleocristián de Temes, cuxa inscrición lémbranos as tres virtudes teologais: fe, esperanza e caridade.

A partir deste momento as ladeiras dos ríos Sil e Miño, xunto cos seus afluentes, énchense de pequenos eremitorios que fan da “ribeira” a “Tebaida galaica”.

O proceso eremítico continúa ao longo dos séculos VI e VII pois por estas terras paséanse dúas figuras claves do cenobitismo hispano: o apóstolo dos Suevos, San Martiño de Dumio (século VI) e San Frutuoso do Bierzo (século VII). Desde este momento e ata o século XI moitos son os pequenos cenobios (máis de 100) que na Ribeira Sacra se rexen polas regras de San Martiño ou San Frutuoso, ata que a partir do século XI se impoña como única regra a redactada por San Bieito de Nursia no século VI.

 

Esta é, brevemente, a historia, pero cal é a diferenza entre un eremita, un monxe e un cenobita?

A palabra eremita procede do grego “eremos” que significa ben só, ben abandonado, sendo os eremitas as persoas que se abandonaban a Deus no medio da súa creación.

O termo monxe orixínase na palabra grega “monos” cuxo significado é só, deste xeito os monachoi serían os ascetas que vivían retirados e sós.

E finalmente o termo cenobita cuxa etimoloxía é, unha vez

Máis, grega. “Koinos bios” significa vida en común. Conclusión, eremitas, monxes e cenobitas optan por unha vida apartada e en comuñón con Deus mediante a oración, pero se ben eremitas e monxes optan pola soidade (os eremitas podían vivir cerca uns doutros formando colonias, Lauras e reuníndose no templo común para a misa dominical) os cenobitas viven en común baixo unha regra e compartindo comida e oración.

Hoxe en día utilizamos o termo monacato para referirnos os homes e mulleres que consagran a súa vida a Deus vivindo en común baixo unha mesma regra. Deste xeito, podemos dicir que, actualmente mosteiro e cenobio son sinónimos.

 

 

2.  O eremitismo da Ribeira Sacra e S. Pedro de Rocas

O monacato nace en torno ao século III en Oriente, exactamente en Exipto. A palabra eremus (que está na orixe de eremita) está vinculada co deserto, ese lugar

 

ermo, inhóspito e apartado no que “abandonaron” os primeiros homes (San Antonio Abade ou San Paconio) na procura   de Deus.

O “Locus eremus” representa o lugar da vida dura e sacrificada ao mesmo tempo que é o espazo de tentacións (non podemos esquecer que o demo proba a Xesús no deserto) no que se refuxian os homes que queren atoparse con Deus mediante unha vida de renuncia e sacrificada.

As ribeiras do rio Sil parecen ter un protagonismo absoluto no nacemento do monacato occidental. O cristianismo xurdía nestas terras ao redor do século IV e case douscentos anos despois documéntase un dos mosteiros máis antigos de Occidente: S. Pedro de Rocas; unha lápida (hoxe no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense) datada no ano 573 fálanos da herdade que reciben en herdanza seis homes: Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio e Rvve.

“A inscrición refire uns nomes de persoas, todos eles varóns, conforme nos suxire a lápida, “herdaron” algo en S. Pedro de Rocas no ano 573.

Aínda que se denomina fundacional a palabra “hereditas” alude a algo que se recibiu en herdanza e os personaxes que aparecen nomeados na lápida non foron os verdadeiros fundadores senón os herdeiros. Así as cousas, debemos pensar que esta lápida puido realizarse no ano 573, para celebrar a herdanza daquela

 

arquitectura por un grupo de xente. Se isto foi así, podemos pensar que neste ano xa existía cenobismo en San Pedro de Rocas, teoría que levaría a súa probable orixe a una época anterior, aos últimos anos do século VI” (MALINGRE, A: 2001, p.4)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“Isto é a herdanza de todos nós,

de Eufrasio, Eusano,

Quinedo, Eato, Flavio

e Rvve, Era de 611 (ano 573)”

 

 

 

3.  A exposición Eremitas e S. Pedro de Rocas

 

A exposición “Eremitas” é o meu especial tributo á Ribeira Sacra e, de xeito especial, ao lugar que, entre as súas agrestes pedras, viu nacer o monacato occidental, S. Pedro de Rocas.

A historia fala de seis homes que herdan un espazo sagrado, herdanza que nos indica que antes deles existiron outros e tras eles algúns máis.

A lenda fala dun cabaleiro chamado Gerondo que tras un longo século de abandono (re)descobre S. Pedro. O mito, recollido nun privilexio (1007) de Alfonso V, transfórmase na historia que narra como Gerondo, no transcurso dunha cacería e seguindo o seu can, descobre unha igrexa oculta baixo a maleza e cativado pola beleza do lugar funda un novo cenobio ao que, en compañía doutros cabaleiros, retírase a vivir.

Así pois, os primeiros eremitas, os seus seis herdeiros e os herdeiros destes seis aos que engadimos o cabaleiro Gerondo e os compañeiros que o acompañan, son os protagonistas da miña obra “Eremitas”.

“Eremitas” é unha homenaxe aos homes e ás mulleres que, por distintos motivos, decidiron perderse no deserto verde daquela ribeira á que o Pai Yepes bautizou como “Ribeira Sagrada”.

“Eremitas” é o meu recoñecemento a quen, ao apartarse do mundo, non só atoparon a Deus, senón que nos premiaron cun legado único cuxo valor excepcional e universal representan todos e cada un dos mosteiros da Ribeira Sacra.

“Eremitas” é a miña maneira de dar as grazas a aqueles eremitas, moitos deles anónimos, que un día escolleron as nosas terras para vivir e aos que eu quero devolver eses mosteiros que un día poboaron.

Os meus eremitas de arxila son os corpos nos que espero se encarnen os eremitas da lendaria Ribeira Sacra.

 

 

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS

Malingre Rodríguez, Ana, San Pedro de Rocas: un eremitorio rupestre altomedieval, Ourense, Deputación Provincial, 1995.

 

Malingre Rodríguez, Ana, Monasterio de San Pedro de Rocas. Pisamos tierra de monjes, León, Edilesa, 2001.

 

Pérez Rodríguez, Francisco Javier, Mosteiros de Galicia na Idade Media, Ourense, Deputación Provincial, 2008.

 

Pérez Rodríguez, Francisco Javier, Los monasterios del Reino de Galicia entre 1075-1540. De la Reforma Gregoriana a la Observante, Santiago de Compostela, CESIC, 2019.

 

VVAA, A Ribeira Sacra. Esencia de espiritualidade de Galicia, Xunta de Galicia, 2004.

 

Currículum do artista