MEDINDO O XESTO, TRAZANDO O TEMPO

MEDINDO O XESTO, TRAZANDO O TEMPO

GONZALO SELLÉS LENARD, ANA PÉREZ VENTURA

Este proxecto invita a reflexionar sobre conceptos tan abstractos como o tempo, a sincronía e o xesto cun impecable dominio da técnica artística e un lirismo compositivo non exento de beleza. Os artistas combinan varias series que dialogan entre sí.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

Medindo o xesto, trazando o tempo

A exposición Medindo o xesto, trazando o tempo, transforma a sala 2 de exposicións do Centro Cultural Marcos Valcárcel con formas pictóricas aditivas, trazos reiterativos e dinámicos capaces de proporcionar unha sensación sonora á sala expositiva.

Nesta mostra conxunta do artista vigués Gonzalo Sellés Lenard (Ferrol, 1965) e Ana Pérez Ventura (Santiago de Compostela, 1981) artista asentada en París, ponse en valor o proceso, o tempo e as variacións rítmicas que se establecen ao repetir un motivo de xeito singular e totalmente orixinal. Estas creacións, lonxe de nacer predeterminadas, xorden audaces, complexas e só se descobren na súa totalidade ao percorrer a sala.

A mostra xorde coa idea de forxar conexións entre series que comparten elementos en común, aínda que as respectivas traxectorias percorreron camiños separados. Longas series, Fuzzy e Études, xúntanse unha vez máis. Antes, admiráronse en 2022 no Museo do Mar de Galicia en Vigo, e por separado en importantes galerías. Actualmente, enriquécense con novas formas saídas directamente do taller, nas que se aprecia como foi evolucionando un traballo serial, iniciado hai xa máis de doce anos.

Este proxecto invita a reflexionar sobre conceptos tan abstractos como o tempo, a sincronía e o xesto cun impecable dominio da técnica artística e un lirismo compositivo non exento de beleza. Ambos pretenden capturar a intanxibilidade do tempo en máis de 300 obras que nos transportan a territorios emocionais nos que potenciar os nosos sentidos. As obras presentadas percíbense máis activas que nunca e non deixan de circular e cobrar novos xiros nunha viaxe que semella ilimitada.

O comezo desta ruta existencial de Sellés Lenard parte dunha forma vexetal multiplicada incansablemente por disposición aditiva nun sen fin, co propósito de rexistrar a temporalidade a través da obsesión reiterativa, moi na liña de On Kawara e Roman Opalka. Así, enlaza un motivo tras outro, secuencialmente, de xeito cadencioso e rítmico coa misión de dotar de dinamismo unhas composicións, se cabe, de maior elegancia visual.

O sentido de Fuzzy dáo a melódica repetición dun mesmo elemento en sucesión, que mide o tempo e rexistra a súa monotonía e a acción rítmica de ir enlazando pétalos para crear delicadas secuencias que cambian segundo o azar do creador. O artista reúne a filosofía Zen coa estética naturalista no seu achegamento aos fenómenos naturais, pero manexa formas e gamas exclusivamente saídas do tubo de pintura para logo mesturalas sabiamente para conseguir impolutos brancos e fabulosas gamas en grises. Aplica ricas tonalidades pacientemente degradadas para xerar todo un xogo de claroscuros que dotan de intriga as súas orixinais composicións.

Sellés persegue a beleza formal, por iso sérvese de fondos extremos nos que pasa da fogosidade máis absoluta á máis profunda das tebras, sendo consciente de que toda beleza perde a súa existencia se se suprimen os efectos da sombra; de aí que as súas figuras colocadas na escuridade emitan tanta irradiación.

Novas formas enriquecen esta serie. Diversificáronse en formatos xeométricos: triangulares, cuadrangulares, circulares ou cilíndricos, sempre cargadas de crecemento vexetal interior. En moitos cadros, as formas estreladas dispóñense aleatoriamente por todo o lenzo. Resplandecen ao destacar sobre fondos candentes, altamente cargados de enerxía. Escintilan por unha preciosista carga matérica en tonalidades decrecentes do branco roto ao gris. Son brillantes formacións inundadas de luz pola habilidade no manexo dunha coloración especial capaz de conseguir un relevo conmovedor e perturbador que incita a acariciar.

Ás veces, o crecemento vexetal ao que nos ten acostumados resulta pendular, próximo a estruturas vexetais colgantes. En ocasións, as caídas fluídas ocupan todo o lenzo, necesitando un atento espectador para activar un movemento ilusorio en patróns estáticos, moi na liña do Op Art. Outras veces, o motivo dispérsase en ramificacións oblicuas ou flúe diagonalmente para facernos pensar en formacións fitolóxicas como atrapadas en profundidades insondables.

As formas naturais desde sempre foron alento e alimento do seu traballo serial. Fuzzy parte do concepto de lóxica difusa para establecer unha relación entre os procesos de formación vexetal e os de creación pictórica.

Un labor sumamente preciosista, persoal e íntimo é a deste vigués, que segue a tendencia oriental de Tanizaki de atopar beleza na escuridade. Así, da máis abisal das profundidades, emerxen novas e pletóricas floracións avermelladas, acendendo os escuros fondos nas que se aloxan.

Ana Pérez Ventura, na súa serie Études iniciada en 2007, traduce ao eido visual a experiencia invisible da música. Visualiza o son mediante liñas, cores, capas de vernices e veladuras. O ritmo producido pola repetición sistemática dun mesmo xesto é froito de descontextualizar con fins estéticos os exercicios de aprendizaxe dos estudos musicais. Os movementos das súas mans ao piano fúndense cos da práctica pictórica ocupando o espazo compositivo de xeito circular.

Coa intención de evitar unha nula marxe de erro, a precisión, paciencia e disciplina son excelentes. Por isto, a artista idea un rotulador especial cargado de acrílico, idóneo para non levantar a man do lenzo e producir regulares e seguidas liñas circulares ás que superpoñen capas e máis capas de veladuras. E así conforma conglomerados no espazo como un totum revolutum. Na superficie quedan signos, os remuíños do trazo, unha especie de caos suficiente para incitar o efecto sonoro na composición.

A artista compostelá residente en París, consegue atrapar o tempo intanxible da música con gran elegancia formal. A experiencia etérea, evasiva e fuxidía faise corpórea e textural para invitar a todo espectador sensible a presentir a suxestión melódica. Un traballo que require da máxima concentración, iniciado hai xa quince anos, e que continúa activo, aínda que no camiño xurdisen novas series tan atractivas como os Notages ou os Neumas. Estes últimos forman parte da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Toda a súa produción emana das liñas melódicas das partituras. De feito, entende o lenzo como unha partitura que marca o seu ritmo. A música é asumida como necesidade fisiolóxica, repetindo esa práctica musical no lenzo ao punto de que son difíciles de separar ambas as disciplinas culturais.

A súa dinámica obra desenvolta nun vaivén formal, comezou inicialmente con liñas brancas que nacían dun punto e sucedíanse en xiros ata alcanzar o límite do lenzo. A esas pinturas súmanse pezas novas enriquecidas con transparencias e outras cores entre as que vibran lilas, verdes, amarelos ou laranxas e xogos cromáticos diferentes ao inicial monocromo azul para cargarse de pletóricas disposicións lineais.

Novos patróns xurdidos de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo enriquecen o seu discurso, un conceptual camiño procesual que se aproxima a experiencias orfistas en canto a dotar de son a color coa intención de transmitir emocións humanas excitantes e vivaces. Con gran elegancia visual, as abstraccións de Ana, rexistran o tempo musical, unha temporalidade derramada no lenzo pretendendo que o espectador non só a sinta senón que a escoite. Consegue que os instantes investidos na práctica pianística se convertan en pezas pictóricas singulares e únicas.

Podería parecer todo moi complicado, pero o espectador enténdeo e desfruta ao deslizar a súa vista sobre a obra, tal e como a autora desliza os seus dedos sobre o piano.

Fátima Otero

Currículum do artista