CRUZANDO O MAR INTRANSITABLE

CRUZANDO O MAR INTRANSITABLE

TONY LANE

A obra de Tony Lane presentada nesta exposición propón unha serie de diálogos sen palabras, resultado das súas profundas conversas coa contorna cultural, coa metafísica da paisaxe, coa historia da arte, así como do artista consigo mesmo e cos espectadores.


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

Diálogos visuais entre dúas augas

José Colmeiro

I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos,
en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,
cores de brilo soave, de trasparencia húmida,
de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer.

Vós, pois, os que naceches na orela doutros mares,
que vos quentás á llama de vivos lumiares,
e só vivir vos compre baixo un ardente sol,
calá, se n’entendedes encantos destos lares…

Rosalía de Castro

«A arte é unha linguaxe coa que estou profundamente comprometido e na que estou inmerso, e a través dela sinto unha forte conexión coa miña contorna en Esposende e coas vilas e os campos dos arredores… Vexo por todas partes a interacción entre a propia paisaxe e as persoas que a habitaron ao longo dos séculos».

Tony Lane

Invitación ao diálogo

O diálogo anacrónico que propoñen os dous epígrafes anteriores, superando a imposible separación do tempo e do espazo entre a poesía decimonónica de Rosalía de Castro e o artista contemporáneo neozelandés Tony Lane, pode servir como punto de partida para unha indagación sobre os diálogos visuais que a obra do pintor procura establecer máis alá dos límites xeográficos, temporais ou culturais.

A obra de Tony Lane presentada nesta exposición propón unha serie de diálogos sen palabras, resultado das súas profundas conversas coa contorna cultural, coa metafísica da paisaxe, coa historia da arte, así como do artista consigo mesmo e cos espectadores. Galicia ten unha presenza especial nesta exposición, xa que, en boa medida, serve de inspiración, espello simbólico e posta en escena para a obra de Tony Lane. Isto pode resultar sorprendente, posto que Nova Zelandia e Galicia son xeograficamente antípodas e historicamente non houbo un contacto excesivo entre elas. O certo é que ambas as culturas comparten a condición de periferia como simbólicos fisterras, o que tradicionalmente representou unha desvantaxe con respecto aos centros, pero que con frecuencia tamén supuxo un incentivo para superar esa situación, fomentar a creatividade, preservar a súa autenticidade e procurar atopar o seu lugar no mundo. Esa condición implica tamén unha relativa distancia con respecto ás modas e imposicións do centro. Mirar o centro desde a periferia establece un tipo de diálogo diferente. A visión desde a periferia é a miúdo máis ampla, máis rica e orixinal. Os enormes avances das últimas décadas en tecnoloxía e comunicación e os grandes movementos humanos e culturais a través das fronteiras trouxeron consigo a posibilidade de desperiferización, de repensar as relacións entre culturas nun mundo cada vez máis globalizado, así como o encontro e o diálogo entre periferias.

Se ben as paisaxes metafísicas de Tony Lane transcenden as fronteiras xeográficas e temporais, esta exposición é tamén un diálogo simbólico entre Nova Zelandia e Galicia, a súa terra adoptiva. Os seus cadros transmiten a conversa creativa do artista, que reflicte as súas lembranzas e emocións ante as paisaxes, a cultura, a arte e a historia, froito da súa vida entre ambos os lugares. Tony Lane, como moitos outros pintores de Nova Zelandia, mantén na súa obra un diálogo vivo coa tradición artística occidental. Quizais precisamente pola súa localización no recuncho máis afastado do centro, para os neozelandeses viaxar a Europa é case un rito de paso como parte da súa formación persoal. Ao longo da súa carreira artística, Tony Lane viviu e traballou noutros países, como Italia e España, e a súa obra foi exposta en museos e galerías de Londres, Nova York, Sidney, Sevilla e Barcelona, entre outros.

Desde hai varios anos, Tony Lane alterna a súa residencia entre Nova Zelandia e Galicia. Non é casualidade que en 2025 escollese para a súa primeira exposición en Galicia, titulada «Serenidade», a igrexa medieval de Santa María da Madalena en Ribadavia, próxima á casa de granito de trescentos anos de antigüidade en Esposende (Ourense), onde vive e traballa parte do ano. Alí atopaba unha sintonía coa historia, coa arquitectura e coa linguaxe pictórica relixiosa, e resultaba o marco perfecto para establecer un diálogo entre a súa obra e o contexto cultural galego. E alí puido expresar a súa admiración e respecto pola historia e a cultura visual de Galicia, e compartir a fonda conexión coa terra que sente a poboación galega e a súa visión do carácter sagrado da natureza, que se identifican emocionalmente coa sensibilidade neozelandesa.

O sorprendente proceso de creación dos propios cadros de Tony Lane é unha clara metáfora dese diálogo transoceánico entre culturas e continentes. A maioría dos lenzos concibidos para esta exposición foron pintados no seu estudio de Auckland, transportados polo artista en varias viaxes transoceánicas e rematados no seu estudio de Esposende, unha auténtica odisea que poucos artistas se atreverían a emprender. Os motivos e os materiais destas obras fálannos tamén da viaxe e da experiencia de vivir entre dúas augas, literal e metaforicamente. A auga e o aire son tamén camiños de navegación e viaxe, e os lenzos do artista transpórtannos a outros mundos e a outras dimensións, como as velas impulsadas polos ventos desde Nova Zelandia ata as terras galegas.

A viaxe material dos cadros é tamén unha metáfora da viaxe creativa e do diálogo do artista cos códigos artísticos do pasado. Tony Lane leva a cabo nas súas pinturas unha recodificación da tradición artística e, á súa vez, dialoga con diferentes linguaxes expresivas e tendencias vangardistas. Os seus cadros presentan unha mestura heteroxénea de linguaxes na que destacan unha serie de tensións entre o clásico e o vangardista, o relixioso e o profano, o figurativo e o abstracto. A súa obra habita ese limiar —entre dúas augas— onde conflúen a realidade recoñecible e o mítico, o metafísico e o simbólico, o pasado e o presente, Europa e Nova Zelandia. Esa tensión entre os diversos planos, divino e humano, real e imaxinario, persoal e arquetípico, non admite unha resolución doada e constitúe unha parte substancial do misterio que a súa obra evoca. As tensións latentes sen resolución definitiva semellan estar eternamente «en suspensión», como moitos dos elementos flotantes dos seus cadros. Así mesmo, a convivencia de linguaxes, motivos e lugares sustenta a polisemia de significados, xerando unha gran riqueza de interpretacións posibles por parte dos espectadores.

Unha linguaxe sagrada orixinal

O léxico pictórico de Tony Lane recorre frecuentemente a unha linguaxe relixiosa acumulada ao longo dos séculos para comunicar simbolicamente a procura de algo superior e elevado, o carácter sagrado da arte e da natureza, celebrando o milagre e o misterio da creación, tanto artística como da vida en todas as súas formas. Constitúe unha forma de reafirmación dos seus atributos «divinos», da súa preciosa e elevada condición, por riba da realidade prosaica. É unha linguaxe idónea para transmitir a ansia de comunicación co elevado, co infinito e co intemporal.

Os seus cadros aproveitan especialmente a iconografía cristiá —que tamén incorpora elementos precristiáns—, que o artista resignifica e recontextualiza creando un léxico cifrado e un universo propio. Nel teñen especial importancia as xeometrías sagradas do círculo e do óvalo, representacións clásicas do infinito e alegorías do tempo, onde pasado, presente e futuro converxen. O círculo é a forma xeométrica plena e perfecta, que nos cadros de Tony Lane pode adoptar diferentes manifestacións, como gotas ou contas, aneis, abelorios ou rosarios. O óvalo fórmase pola intersección de dous círculos, unindo simbolicamente a terra e o ceo, e conta cunha longa tradición iconográfica e arquitectónica. O óvalo pode manifestarse na súa obra como ferida ou estigma, nube en forma de nimbo, halo, anel e tamén como rabuñadura ou esgazadura na tea. Estas representacións non son en absoluto excluíntes, e poden coexistir nos cadros. Así, os óvalos poden ser ao mesmo tempo estigmas, esgazaduras e nimbos espaciais, como portais cara ao infinito, non limitados polo tempo nin polo espazo. E as nubes poden ser halos de santos ou figuras relixiosas invisibles e, ao mesmo tempo, suxerir tamén a forma feminina da matriz, símbolo de renacemento eterno: a natureza reproducíndose infinitamente, máis alá do tempo e da historia, e da fráxil vida humana. Igualmente, os círculos dos colares de contas poden adoptar formacións de óvalo ou o signo do infinito da curva lemniscata, unindo ambas as figuras, do mesmo xeito que as cordas, as órbitas de planetas ou estrelas, que poden simbolizar a circularidade do tempo, a renovación e o infinito.

Outros motivos claramente relixiosos que aparecen repetidamente nos cadros de Tony Lane inclúen a cruz e a viaxe da vida como via dolorosa, a luz solar que ilumina ceos, nubes e montañas, os puntos de luz e os halos sobrenaturais, os cravos (da cruz, do cadro), que frecuentemente se combinan e crean tensións internas e poderosas alegorías visuais. Tamén cun matiz claramente relixioso aparecen teas simbólicas, cortinas, mesas-altar, ventás e cornamentas, figuras de importancia na iconografía cristiá que Tony Lane reelabora e resignifica simbolicamente, creando unha nova linguaxe para comunicar o segredo ou o misterio, a metafísica do ser, o tempo e o espazo, que vai máis alá do que podemos ver ou medir. Os diversos motivos xustapóñense ou superpóñense con frecuencia, como a ventá e a cruz en Flor, Ventá con nubes e Ventá; ou o círculo e a cruz en Lúa. Igualmente, destaca a relación dos seus cadros coas reliquias veneradas e cos exvotos (corazóns, pernas, brazos), parte da iconografía relixiosa popular.

Tony Lane bota man tamén dos medios materiais da tradición iconográfica cristiá: o gesso (como soporte e marco) e o ouro como precioso acento divino, normalmente en forma de pan de ouro (Lúa, Cipreses, San Huberto, Cordilleira), ouro falso ou pan de bronce (Corazón, 2015). O ouro é parte esencial da linguaxe sagrada, como luz divina, eterna, sen sombras. Na iconografía cristiá fai visible o invisible, transforma a mirada en contemplación, rompe a distinción entre pintura e icona, disolve o tempo e o lugar. Nas obras de Tony Lane, o ouro sinala o sobrenatural e enmarca o carácter sagrado da arte. Distorsiona o sentido tradicional do sagrado, outorgándolle maior importancia ao misterio e acentuando a suspensión do intanxible nun plano metafísico. O ouro sinala que a arte, a natureza, o eterno e o infinito son algo precioso e sagrado.

A propia materialidade do cadro forma tamén parte desta linguaxe sagrada. O lenzo mesmo preséntase metaforizado como algo venerable, como un veo sacro. Un tecido entrelazado que ás veces se presenta de maneira literal como tea dentro do cadro. Así, con frecuencia atopamos veos, cortinas, mantos, manteis de mesa e últimas ceas. É un motivo recorrente a cortina que tapa e destapa, que agocha e revela unha linguaxe secreta ou un misterio, como reflexo interno do lenzo e unha forma de autorreflexividade do propio proceso creativo (como A cortina ou Cortinas). O cadro supón traspasar un limiar, sempre cun halo de misterio. Na súa obra tamén abundan as verónicas ou sudarios. «Verónica» é un acrónimo da expresión latina vera icon (a verdadeira imaxe), cunha abundante tradición pictórica na arte europea. Na súa obra convértese nunha metáfora do traballo do artista, que persegue sombras na procura desa «imaxe verdadeira», da revelación milagrosa e da súa propia viaxe emocional, intelectual e espiritual.

A estilización visual chega ata a propia sinatura do artista, que adquire matices antropomórficos simbólicos, enmarcados como pequenos sudarios abreviados en forma taquigráfica (T L). As alongadas iniciais do seu nome suxiren a silueta dunha cruz e dunha perna, signos relixiosos característicos da súa obra, como reliquias, ofrendas ou exvotos, suxerindo unha lectura simbólica e metafísica, a loita constante do artista, o compromiso co carácter sagrado da súa arte, un camiño de viaxe cara ao descoñecido, o misterio da vida cun destino inevitable.

En suma, o diálogo de Tony Lane coa iconografía relixiosa representa un cambio de perspectiva, aplicando anacronicamente unha linguaxe visual antiga a unha composición e unha visión modernas. Por iso tampouco é casualidade que Tony atopase a súa segunda casa en Galicia, depósito milenario de cultura e historia, onde a tradición artística do románico medieval e do barroco é omnipresente, a relixiosidade popular das ofrendas votivas forma parte da cultura visual galega e os vestixios da adoración precristiá dos fenómenos e lugares naturais son palpables ao longo da súa xeografía.

Pero o diálogo de Tony Lane coa historia da arte vai máis alá das importantes referencias á arte relixiosa clásica e inclúe tamén o tema da vanitas sobre as banalidades do mundo físico, a fraxilidade da vida e a fugacidade do tempo presentes nos bodegóns barrocos. Por outra banda, a súa obra, que ás veces foi considerada postabstracta, manifesta aspectos da arte de vangarda como o cubismo, coa fragmentación, o uso de obxectos cotiáns e a mestura de medios, así como da escola metafísica italiana (de Chirico), no cultivo do silencio, do misterio e do enigma, a ambigüidade do espazo interior/exterior e a presenza do que non é visible. Así mesmo, relaciónase coa libre asociación de imaxes do surrealismo e coa imaxinación simbólica das súas paisaxes, con obxectos suspendidos na ingravidez dos soños ou en milagrosa levitación, como expresaba simbolicamente o poeta Antonio Machado ante a beleza e a emoción do etéreo e efémero: «os mundos sutís, ingrávidos e xentís, como pompas de xabón». Son paisaxes que poderían asemellarse a unha chuvia cósmica, unha explosión ou o efecto dun furacán ou tornado ao estilo de O mago de Oz, destrución creadora que conecta terra e ceo, imaxinación e realidade.

Igualmente, evidéncianse na súa obra influencias da arte pop e da postvangarda italiana dos anos setenta e oitenta. As formas das figuras humanas, esaxeradamente delgadas e alongadas, lembran o esquematismo e a estilización da postvangarda, pero tamén evocan as figuras da arte rupestre e da antiga cerámica grega, co que se establece un diálogo entre primitivismo, clasicismo e neovangarda que atravesa miles de anos. O uso de linguaxes artísticas tamén recorre á cultura popular, como a imaxinaría relixiosa das ofrendas votivas ou os cómics (globos de diálogo, pratos voadores) e unha infinidade de obxectos cotiáns (colares, colgantes, cortinas, zapatos, botellas, mobles), creando un léxico propio e recoñecible, aínda que hermético e polisémico, acumulado ao longo de anos de traballo.

A instalación como diálogo

Esta serie de diálogos visuais observados na obra de Tony Lane, en toda a súa variedade de aspectos —cultural e vivencial, artístico e creativo, metafísico e simbólico— e interlocutores —Galicia e Nova Zelandia, a tradición artística, o artista—, complétase cun diálogo coral na escenificación final da obra. A instalación artística xera unha conversa silenciosa entre os propios cadros seleccionados polo artista, ante os ollos dos espectadores. O público pode observar e valorar as relacións entre os cadros da exposición, con temas e motivos que se repiten e se reforzan reciprocamente. Os cadros reflíctense entre si, creando ecos e resonancias: a mirada contemplativa ante o carácter sagrado da natureza cos seus ciclos aparentemente eternos, figuras humanas ou naturais estilizadas, paisaxes húmidas cubertas de nubes con horizontes amplos e abertos, transmutando paisaxes «reais» en equivalentes pictóricos, non en simples copias; o uso de linguaxes relixiosas, mitolóxicas e profanas; a conexión entre a terra e o universo, o misterio, a expectación.

En Orión mestúranse a mitoloxía do personaxe de Orión, cazador e xigante cego que ascende ás estrelas, e a constelación do mesmo nome, con tres superestrelas que forman o Cinto de Orión, sinais de navegación na noite. O cadro representa unha paisaxe húmida cuberta de nubes, omnipresente nas pinturas desta exposición, coa silueta negra dunha gran figura humana de costas no centro, contemplando a paisaxe cos brazos estendidos e as palmas das mans abertas. A figura, enormemente estilizada e alongada, parece abrazar a totalidade da paisaxe. O cadro comunica a éxtase emocional ante a paisaxe, máis simbólica ca real, dun gran ceo de nubes con luces rosas e sombras grises, con regueiros de pintura esvarando pinga a pinga sobre un horizonte azul, representando un fragmento de infinitude. O cadro enmarca unha visión tan ampla como permite a mirada humana cara ao ceo, caracterizada por tres elementos esenciais, luz, aire e auga, que simbolizan a circularidade do tempo e da natureza. O gran ceo aparece encapotado de nubes que suxiren os festóns dunha gran cortina infinita, coma se estivésemos nun gran teatro á espera de algo a piques de revelarse.

A perspectiva da figura humana abrazando a inmensidade coincide coa do espectador do lenzo, polo que o cadro incita irremediablemente a unha identificación do espectador coa perspectiva real e metafórica da figura humana (e, polo tanto, coa do artista), de admiración ante a estrañeza dun espectáculo extraordinario, e constitúe así unha invitación a compartir esa experiencia elevada, transcendente. A figura tamén suxire o perfil dunha árbore sen follas, reforzando a propia materialidade da madeira e, en última instancia, a figura dunha cruz, motivo omnipresente na obra de Tony Lane. Todo isto transpórtanos á contemplación e á vivencia indirecta dun calvario simbólico na terra, metafórico val de bágoas, fronte á serenidade e infinitude do ceo. Os tres nimbos situados enriba da cabeza e das mans da figura humana, aliñados como as estrelas de Orión, suxiren á súa vez unha xeometría divina e, metaforicamente, o ambicioso intento de alcanzar o intanxible, o transcendente, o intemporal, a inspiración, a creación.

Atopamos unha perspectiva semellante en Árbore, que representa unha paisaxe de nubes ocres con tons dourados que reforzan a idea da luz divina, tamén como festóns en forma de cortina, pingando sobre un horizonte afastado. En lugar da figura humana, aquí o centro ocúpao directamente unha árbore branca solitaria, con pequenas pólas cortadas, que atravesa todo o cadro verticalmente de abaixo a arriba, suxerindo a terra erma no inverno de resonancias eliotianas, tótem simbólico e testemuña silenciosa do espectáculo dourado, quizais á espera do momento do milagre da rexeneración na primavera.

Divindade presenta unha luminosa paisaxe de nubes douradas festonadas, acendidas pola luz divina, dunha tonalidade semellante á de Árbore. Aquí, porén, en lugar dunha figura central atopamos un longuísimo brazo estendido por riba do horizonte coa palma aberta cara a arriba, que insinúa o momento da creación segundo Miguel Anxo. Neste caso funcionaría como sinécdoque do ser humano na procura do inalcanzable, posible expresión simbólica da espera polo contacto coa divindade ou polo momento da creación.

O diálogo coa mitoloxía e coa pintura clásica faise patente en Afrodita, coa referencia á deusa da beleza e do amor xurdida do mar e a alusión visual a O nacemento de Venus de Botticelli. Unha paisaxe de ceo, mar e area, co mar axitado como protagonista e, no centro do horizonte afastado, o perfil dunha montaña que se asemella ao icónico dobre cumio do volcán de Rangitoto, xurdido do mar e ancorado no centro da baía de Auckland coa súa xeometría piramidal triangular. A inmensidade e a forza viva da paisaxe, xunto coa extrema simetría na composición, suxiren unha ordenación superior. Hai unha marcada simetría xeométrica e cromática entre o azul do ceo que enmarca a paisaxe pola parte superior e a franxa submarina de influencia cubista que enmarca a parte inferior. Entre ambos os campos estáticos esténdense, tamén simetricamente, unha infinitude de ondas cos azuis profundos do mar á esquerda e, á dereita, unha infinidade de montículos dourados de area, ambos semellantes aos recorrentes festóns do ceo nos outros cadros, pero agora picudos e invertidos, formando infinitos cumios e vales movidos polo vento, como cadeas de montañas en movemento.

En primeiro plano, á dereita, rompendo a simetría do cadro e dando escala á paisaxe, atopamos unha figura humana indefinida en escorzo, na porosa fronteira entre a auga e a area, entrando ou saíndo, sen poder saber con certeza en que dirección se move, como o proverbial galego que atopamos na escaleira sen saber se sobe ou baixa, o que engade un ton de ambigüidade, fluidez e misterio a toda a composición. O cadro adquire un sentido alegórico sobre o carácter sagrado, a beleza e a plenitude da natureza nas súas diversas formas, auga, terra, aire. Fronte á representación tradicional da beleza feminina encarnada por Afrodita/Venus, aquí a figura humana esvaecida representa unha idea de fraxilidade, misterio e incerteza fronte á poderosa forza da natureza.

En Filípides preséntase unha versión vertical dos cadros de ceos cubertos. De novo, unha paisaxe húmida cunha sucesión de nubes en movemento en forma de festóns, creando grilandas de cores, branco, dourado, rosa, gris, sobre as que van deixando o seu rastro pingas de cor na súa caída. A liña dos festóns no ceo coincide tamén coa orla formada polas ondas do mar, nunha feliz prolongación natural invertida, reforzando a circularidade natural. Ao fondo adivíñase unha serie de pequenos círculos aliñados horizontalmente, como cravos ou astros en movemento, coordenadas simbólicas de navegación, formando unha cadea infinita. En primeiro plano, sobre a auga, o contorno parcial dunha barca en negro, en cuxo extremo se apoia o pé dunha alongada perna negra que se estende nun equilibrio imposible ao longo do bordo do cadro ata a parte superior.

A alusión a Filípides, o soldado corredor grego que deu orixe ao maratón, subliña o simbolismo do cadro. Alegoricamente, o pé que toca a barca suxire o motivo da viaxe, omnipresente no imaxinario neozelandés desde a chegada dos maorís ás illas nas súas lendarias canoas (waka), a ambivalencia dunha sociedade de viaxeiros e emigrantes cun pé aquí e outro alá —entre dúas augas— e, nun plano máis metafísico, o cruzamento da lagoa Estixia entre a terra e o ceo, a vida e a morte.

A paisaxe convértese nun gran exvoto en Corazón (2015). Represéntase un ceo azul con nimbos brancos e grandes pingas de diferentes cores como bágoas xigantes —motivos recorrentes na obra de Tony Lane— sobre o que se superpoñen tres horizontes posiblemente insulares en tres planos horizontais diferentes, adoptando a estrutura de tríptico vertical, que suxire a idea de ascensión, motivo característico na súa pintura. A estrutura ternaria está cargada de significado simbólico, con grande importancia en diversas relixións, entre elas a cristiá. Está asociada metaforicamente coa totalidade e a perfección, o equilibrio, a orde e a síntese, a vida e o tempo (pasado, presente e futuro).

Un motivo repetido nas paisaxes de Tony Lane son as grandes burbullas no aire que se asemellan aos bocadillos das bandas deseñadas e das tiras cómicas ou aos anuncios que ondean ao vento, que funcionan como unha forma de personificación, dándolle á natureza a oportunidade de erguer metaforicamente a súa voz para cantar, berrar ou celebrar. Estas burbullas, que tamén aparecen en Falante e Rosario, conforman discursos visuais sen palabras. No centro do cadro, ocupando case a metade da composición, atópanse dúas burbullas superpostas que conforman un gran corazón inclinado de cor rosa, configurando un óvalo ocre na intersección. Sobre o óvalo insírese outro corazón atravesado por unha liña, que suxire a imaxe dun corazón malferido ou dun exvoto, a mesma tradición relixiosa popular da que bebe a poesía de Rosalía: «Unha vez tiven un cravo / cravado no corazón, / e eu non me acordo xa se era aquel cravo / de ouro, de ferro, ou de amor. Soio sei que me fixo un mal tan fondo».

O óvalo é unha variación do motivo vesica piscis, ou mandorla, forma da xeometría sagrada que caracteriza a arte gótica, formada pola intersección de dous círculos que representa a conxunción de forzas opostas e é símbolo da matriz do universo e da fecundidade. Todo isto, non só as nubes e as pingas, senón tamén os horizontes e os corazóns, nunha suspensión imposible onde se entrecruzan imaxes e linguaxes en tensión (relixioso e profano, cultura popular, metafísica e surrealismo) que non admiten unha lectura simple e transparente, senón que provocan múltiples lecturas no espectador. Esta superposición de linguaxes e horizontes crea unha impresión semellante á paisaxe creada en Gibbs Farm (parque situado ao norte de Auckland), coa colocación de esculturas xigantes de artistas como Anish Kapoor, Richard Serra e Maya Lin, superpostas estratexicamente sobre o horizonte da paisaxe rural tradicional de Nova Zelandia para establecer un diálogo sorprendente e cativador, de maneira semellante ao cadro de Tony Lane.

A paisaxe aparece tamén en forma de tríptico vertical como metáfora do paso do tempo en Día e Noite e Día, así como en Ventás (tres días), aquí xogando máis claramente coa tradición artística e co aproveitamento pictórico das lunetas da arquitectura clásica. A marcada estrutura canónica deste cadro reitera tres versións lixeiramente diferentes dunha paisaxe natural semellante, protagonizada por cadeas de montañas que repiten unha serie de variacións cromáticas e lumínicas, cunha longa nube branca que as atravesa na súa totalidade como un anel máxico. Esta imaxe suxírenos a orixe de Nova Zelandia, xa que o nome orixinal que os maorís lle deron a esta terra, Aotearoa, significa en lingua maorí «a terra da longa nube branca». Segundo a tradición oral, este foi o primeiro sinal visual ao chegaren á illa os primeiros habitantes, e é a denominación da terra que para moitos neozelandeses manifesta unha comuñón máis auténtica coa natureza e coa historia. Esa nube infinita, eterna, circular, parece comunicar alegoricamente os tres momentos do tempo, pasado, presente e futuro.

Os cadros de Tony Lane son como ventás, vistas desde o interior, pero tamén cara ao interior, como espellos de lembranzas ou de cousas e figuras vistas ou imaxinadas. Son invitacións á contemplación e ao diálogo. Os espectadores, no aquí e agora desta exposición en Galicia, achegan finalmente a súa propia mirada, mergullándose, descifrando e conversando coa obra exposta, desde a outra beira. É así como os espectadores completarán o despregamento de suxestivos diálogos sen palabras que as obras de Tony Lane nos propoñen.

Currículum do artista