Fiz Valcárcel (Ourense, 1955).
Fiz Valcárcel parte sempre do debuxo. Dende as súas primeiras obras cando tiña oito anos xa tiña definida a súa vocación de ser artista.
Toda a súa vida sempre tivo un lápis na súa man
Confesa: “Eu fun desde neno, case empuxado a dedicarme á pintura, ou digamos ás belas artes. Todo foi produto dunha capacidade innata para debuxar dende moi crío, a miña madriña dicía que, para que parase, dábame un lapis e un papel e mandábame copiar de calquera revista, o que vía escrito. Eu non sabía leer pero copiaba a escritura tal como a vía”.
No 1963 non existían as novas tecnóloxias que tan ben dominan e coas que se entreteñen os rapaces de hoxe. Cunha caixa de Caran d´Ache de latón (aínda se atopan hoxe, por certo) o noso futuro creador comeza a soñar coas transparencias de todas cores do mundo real. A liberdade de facer garabatos, que el denominaba abstratos, ou interpretacións persoais a partir das cousas que tiña ao seu redor .
Tivo a sorte de ter un excepcional mestre, o artista Prego de Oliver, con quen durante os veráns de 1964 ata 1970 asistiu a unhas clases que o marcaron para toda a súa vida.
En Fiz Valcárcel podemos distiguir duas etapas onde a súa adicación á pintura é mais intensa. Unha poderiámola establecer dende o 1974 ata o 1987 e outra dende 2014 ata hoxe. Esto non significa que deixara de pintar e debuxar neste intervalo de tempo. O seu traballo, moi vencellado ao debuxo, deixáballe libre poucas horas para unha das cousas que máis amaba: pintar.
De setembro do 1971 hasta setembro de 1973 trasládase a Madrid a preparar o ingreso na Escola de San Fernando, onde conta co apoio doutro gran artista ourensán afincado na capital, o director do Museo Nacional de Gravado Contemporáneo, Julio Prieto Nespereira.
O noso artista non acaba de adaptarse ao sistema e volta a Ourense. Volverá a Madrid a facer a mili no 1976 e manterá o lapis na man tamén nesta etapa.
O seu traballo desprázao a Vigo dende o ano 1984 ao 1987, ano no que o trasladan a Santiago onde estivo ata finais do 1989, sempre co debuxo como elemento fundamental no seu traballo. Logo regresa a vivir a
Ourense pero non é ata 2014 cando pode deixar as súas obrigas laborais e, por fin, adicarse unicamente a pintar.
Foi a partir deste ano cando comeza esa segunda etapa. A partir de montar un estudo na súa casa actual e dispor do tempo preciso, retoma con moita forza a súa paixón e realiza unha gran parte das obras expostas nesta mostra.
NA PROCURA DA IDENTIDADE.
Coñezo a obra de Fiz Valcárcel dende fai 45 anos, pois formabamos parte dun grupo de artistas galegos que amosaban a súa obra en distintas cidades de Galicia (Pontevedra, Ourense, Vigo, Santiago de Compostela). Artistas como Xesús Vázquez, Laura L. Álvarez, Vázquez Diéguez, Perfecto Estévez, Antón Patiño, Ignacio Basallo e “Che” Vázquez ademais de Fiz Valcárcel e quen isto escribe formabamos este grupo. Ademais realizou carteis e deseños onde a súa forma de pintar tiña xa unha identidade moi definida.
Nestes tempos, estou falando da década dos setenta, un grupo de artistas mantiñamos un debate estético moi intenso. Discutiamos temas como as características da identidade galega nas artes plásticas, ou da confrontación da abstracción e a figuración como correntes artísticas e, sobre todo, tiñamos unha preocupación coincidente que era o papel transformador da arte sobre a sociedade. Eramos moi novos e criamos ainda que a arte podía cambiar o mundo.
Un elemento moi importante era a constante experimentación no aspecto formal e ideolóxico nas nosas obras.
Fiz Valcárcel pronto atopou un xeito de identidade. As súas obras diferenciabanse claramente das dos outros artistas. Tiñan un selo personal diferenciado.
Esta mostra no Centro Cultural que leva o nome do seu irmán confirma esa “identidade”.
Cando un contempla unha obra de Fiz Valcárcel recoñécea facilmente por ter un estilo propio e personal.
Como podemos comprobar na mostra, existe unha coherencia evidente dende as súas primeiras producións da década dos setenta ás obras realizadas nestes últimos anos, sobre todo a partir do 2014. Pintura-pintura .
Neofiguración. Un dominio técnico importante que forma parte do proceso artístico. Unha re-elaboración continua da obra.
Fiz Valcárcel a pesar de ter unha das obras que eu considero das máis contundentes do que se está a facer na actualidade en Galicia, é un artista pouco dado a amosar publicamente a súa obra. Para moitos galegos esta mostra será un “descubrimento”. Un grato descubrimento.
Unha obra moi madurada e que para min ten unha cualidade esencial: a emoción.
A EMOCIÓN. A emoción será un elemento distintivo deste artista ourensán. A súa curiosidade vital de coñecer en profundidade todo o que se estivo a facer durante todos estes anos, con constantes visitas a grandes mostras e lecturas de libros de arte, levouno a valorar este sentimento de introspección tan necesario na creación.
Soidade, silencio, ser, atención plena… Ás veces os artistas deixanse levar pola sociedade do espectáculo. Fiz prefire a sobriedade, a humildade, o traballo meticuloso no seu estudo. Esta actitude, infrecuente hoxe, reflíctese no seu estilo característico. Destacaremos dentro deste estilo persoal un tratamento xenuíno dos rostros das personaxes da súa obra. Rostros cheos de esperanza. Rostros onde se respira paz e calidez humana. Desfiguración pero sempre cun relato. Unha búsca do absoluto grazas ao dominio da composición de varias figuras que se entrelazan. Nesta neofiguración as personaxes retórcense, expándense, recóllense ou estiranse amosando unha extraordinaria elasticidade.
Fiz demostrou ó longo da súa traxectoria ser un cutting-edge, ese concepto tan británico que parte de valores de orixinalidade, de innovación, dunha actitude de ir a contracorrente sempre. Contestatario nas décadas dos setenta e oitenta, onde esta actitude constituía un risco pola situación política, ata chegar a hoxe cunha postura crítica nas primeiras décadas do século XXI, cun discurso que cuestiona, inquire,
suscita e, sobre todo, que nos emociona chegando ao máis profundo do noso ser. Non nos deixa indiferentes
NA PROCURA DA PERFECCIÓN. “A obra maestra descoñecida” é unha pequena obra de Honoré de Balzac.
Basicamente trata da busca da obra perfecta por parte dun artista xenial chamado Frenhofer que leva dez anos traballando nunha obra que non quere ensinar nin aos seus mais íntimos amigos. Poderiamos facer unha metáfora con a obra de Fiz Valcárcel, pouco dado tamén a amosar a súa obra así como a traballar concienzudamente nas obras, insistindo moito en cada unha na procura desa perfección. Rafael Argullol, no seu último libro “Maldita perfección”, ten un capítulo adicado a esta obra de Balzac. Entresacamos un pequeno parágrafo de Argullol, un gran amante da beleza na obra de arte: ”O artista é un cazador á espreita. A súa función é a captura das formas. Con todo, a forma por excelencia, a forma fermosa ou divina, a Forma, parece escapar sempre…”. Balzac neste marabilloso libro tamén insiste: “A beleza é algo severo e difícil que non se deixa atrapar facilmente. É necesario respectar o seu tempo, espiala, presionala e enlazala estreitamente para forzala a renderse”.
Fiz Valcárcel logra atrapar a beleza das figuras grazas a un ascetismo case monacal, taballando moitas horas no seu estudo. A diferencia de Frenhofer, Fiz abriranos o seu estudo e revelaranos un secreto moi bengardado durante moitos anos.
Antón Sobral, setembro 2020
Lugar: Sala 1
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h. Sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado:
Pódese mercar a entrada solidaria para esta cata en https://entradium.com/events/cata-a-arte-3 Aforo máximo 100 persoas.
Pódese mercar a entrada solidaria para esta cata en https://entradium.com/events/cata-a-arte-2 Aforo máximo 100 persoas.
Pódese mercar a entrada solidaria para esta cata en https://entradium.com/events/cata-a-arte-1 Aforo máximo 100 persoas.