Rosendo Cid participa na segunda andaina de Cabodano intervindo libros de fotografía promovidos polo Centro de Estudos Fotográficos antes de cesar a súa actividade editorial.
Cando o Centro de Estudos Fotográficos (https://cefvigo.wordpress.com/) interrompe a súa actividade como editora, despois de ter publicado en trinta anos 44 libros de fotografía, xorde a idea de facer un “velorio” en forma de exposición da súa actividade editorial. As circunstancias non o fixeron posíbel, mais non se abandonou a idea que, co tempo, foi collendo máis intensidade, e xurdiu o proxecto Cabodano da actividade editorial do CEF.
Xa que nos cabodanos a dor do velorio vai deixando paso á memoria, pareceunos un bo título para este proxecto onde a memoria é o esencial. Mais tamén pode considerarse unha celebración de fin de ciclo, dado que hoxe as circunstancias son moi diferentes, a crise, os recortes, as tecnoloxías dixitais… fixeron cambiar o mundo da edición.
En vez de celebralo coa clásica exposición descritiva, xeralmente tan aburrida como carente de interese estético, convidamos, a tres artistas -Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta- a traballar sobre os libros que publicamos, seguindo a liña do CEF de darlle máis importancia á produción de proxectos que á recepción de proxectos xa realizados. Traballos que foron mostrados en 2019 Na sala da Fundación de Vigo.
Posteriormente en 2021, iníciase unha nova etapa do proxecto, Cabodano. IIª Andaina, pondo a disposición de diferentes artistas os libros que quedan, que son fundamentalmente exemplares de Do Trinque. Colección de 22 libros dos que a metade están dedicados a artistas galegos daquela emerxentes. Algúns deses traballos, como os de Victoria Diehl ou Fran Herbello, tiveron unha importante proxección fóra de Galiza. Os restantes son de fotógrafos e fotógrafas de gran relevancia internacional, como Karen Knorr, Antoine D’Agata, Joachim Schmid, Luis González Palma, Aziz+Cucher…
Coa obra de Rosendo Cid dase continuidade a este proxecto, do que xa se teñen presentado as propostas de Almudena Fernández, Alberto Ardid, Mónica Alonso, María X. Fernández, Juan Rivas, Ignacio Pérez Jofre, Din Matamoro e Christian Villamide. No futuro irán dándose a coñecer outras propostas.
Manuel Sendó
Lugar: Hall
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.oo h, sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.oo h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: Manuel Sendón
Esta exposición non ten ningún video asociado
Esta web guarda cookies en su ordenador. Estas cookies se utilizan para personalizar su experiencia de navegación y recopilar datos de uso de nuestro website de acuerdo con la Aplicación del Reglamento General de Protección de Datos (RGPD). Si decide no aceptar las cookies, una cookie se guardará en su ordenador para recordar durante un año esta selección.
Aceptar or Denegar