“Cruzo un desierto y su secreta desolación sin nombre…”. Tal e coma o propio José Ángel Valente adoitaba subliñar, xa no primeiro verso, do primeiro poema do seu primeiro libro1, o deserto xurdía coma un punto de partida necesario, ou ben coma un horizonte ou destino cara o cal a súa obra se dirixía instintivamente. A citada procura refléxase na biografía do poeta, quen tamén terminou por verse encamiñado cara o deserto. En Almería viviu Valente os quince últimos anos das máis de cinco décadas nas que permaneceu afastado de Galicia, residindo en distintas cidades europeas coma Madrid, Oxford, Xenebra ou París. Mais Valente, nacido en Ourense en 1929, quixo retornar á súa orixe unha vez finado, recibir sepultura no cemiterio de San Francisco en “Augasquentes” (así rebautizou á cidade) trala súa morte no ano 2000. Un retorno á orixe que se amosa, baixo distintas variantes temáticas que se suceden na súa escrita, coma auténtica sinal distintiva da súa vontade poética. Da mesma maneira que as súas verbas buscaron alcanzar converxencia cunha luz e un deserto místicos, existe nel unha inconfundible fixación por sondar a súa propia orixe, por insistir no retorno e o descenso á súa memoria persoal, un movemento non menos instintivo que aquel que o empuxaba cara ó extremo despersoalizador do deserto. A voz coa que Valente busca e canta o deserto nútrese a partir das súas raíces galegas, ourensáns; raíces tecidas por materias que, a ollos do poeta, definían mellor o seu lugar de orixe que calquera topónimo: a pedra, a auga… ou a propia lingua galega entendida coma un limiar máis dos que o poeta atravesou no seu permanente afondamento primixenio a través da escritura. A pedra e as augas matriciais, xunto coa luz e o deserto do sur, son en Valente o principio e o fin, mesturados, dun fulgurante corpus poético.
Este é un dos principais argumentos do documental titulado José Ángel Valente. Escribir lugar, un proxecto de ensaio en imaxes que a presente exposición adopta coma fonte referencial. A mostra Auga, pedra e luz. Ourense e Almería no itinerario poético de José Ángel Valente parte, entón, dunha serie de anotacións e procuras procedentes do traballo de investigación e realización dun proxecto audiovisual que dirixe José Manuel Mouriño, tamén comisario da exposición. A sala 2 do Centro Cultural Marcos Valcárcel ofrecerá aos visitantes a oportunidade de descubrir, dende unha nova perspectiva e servíndose de materiais orixinais (moitos deles nunca antes expostos), a influencia de Ourense e Almería na obra de Valente, motor argumental do futuro filme.
A exposición apóiase nunha heteroxeneidade de materiais artísticos que resulta moi próxima á concepción creativa, por completo transversal, da que hoxe fai gala a figura de Valente: fragmentos das tomas en localizacións e entrevistas pertencentes ao documental de Mouriño, manuscritos e documentos de traballo orixinais do poeta cedidos ao proxecto pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, estampas familiares do arquivo persoal do poeta, primeiras edicións dalgúns dos seus títulos máis senlleiros, publicacións especiais nas que a obra de Valente dialoga coa de grandes creadores coma Antoni Tapies, Eduardo Chillida, Leopoldo Nóvoa ou Antonio Saura… nunha mostra que contén tamén a articulación dun diálogo entre distintas olladas que dous fotógrafos, un galego e un almeriense, dirixiron á persoa e á obra de Valente: a sala acollerá algunhas das fotografías do proxecto que Manuel Falces realizaou conxuntamente co poeta baixo o título de “Cabo de Gata: la memoria y la luz”, ao carón de diversos retratos de Valente firmados por Manolo Álvarez, quen quixo aportar ao proxecto una peza concibida expresamente para o mesmo por Álvarez, titulada En exegrue.
Como complemento da mostra, o comisario e os organizadores da exposición deron forma a un catálogo no cal será posible atopar, ademais das aportacións ensaísticas de Claudio Rodríguez Fer, Marifé Santiago Bolaños, Fanny Rubio, Alberto Ruiz de Samaniego ou Miguel Ángel Ramos a conmovedora testemuña do recentemente finado Julio López Cid. Este escritor ourensán, amigo persoal do poeta durante practicamente toda a súa vida, relatou ata os seus derradeiros días as vivencias xuvenís de Valente no Ourense de posguerra.
Todo este proxecto expositivo foi elaborado baixo a produción, organización e patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e conta co apoio doutras institucións como a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia; a Universidade de Santiago de Compostela; a Deputación e o Concello de Almería ou o Instituto de Estudios Almerienses. Colaboración conxunta que fixo posible a posta en marcha dunha iniciativa que conmemora no seu Ourense natal o 20º Aniversario do pasamento de José Ángel Valente.
Lugar: Sala 1
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h. Sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: