O fotógrafo José Suárez (Allariz, 1902- A Guarda, 1974) é unha figura central da modernidade estética galega do século XX. Inicia a súa traxectoria en Salamanca, cidade en que estuda dereito e que será determinante na súa formación intelectual. Alí trata persoalmente a Miguel de Unamuno -auténtico modelo ético para o noso artista e entra en contacto coa Revista de Occidente e o pensamente de Ortega y Gasset. Porén, Galicia será fundamental na súa traxectoria, de feito Suárez vai converterse en referencia na fotografía elaborada por galegos nos anos da República e no longo exilio da posguerra.
A NATUREZA E O HOME: A FOTOGRAFÍA DE JOSÉ SUÁREZ
Crédeme, a vida é só un camiñar máis ou menos longo, mais sempre en solitario, o resto son miraxes.
Lucie Faure (citado por José Suárez)
O fotógrafo José Suárez (Allariz, 1902- A Guarda, 1974) é unha figura central da modernidade
estética galega do século XX.
Inicia a súa traxectoria en Salamanca, cidade en que estuda dereito e que será determinante na súa
formación intelectual. Alí trata persoalmente a Miguel de Unamuno -auténtico modelo ético para o noso
artista- e entra en contacto coa Revista de Occidente e o pensamente de Ortega y Gasset. Porén, Galicia
será fundamental na súa traxectoria, de feito Suárez vai converterse en referencia na fotografía elaborada
por galegos nos anos da República e no longo exilio da posguerra.
Son debidos a el algúns dos intentos máis relevantes de crear unha imaxe galega liberada dos
tópicos costumistas. Para Luís Seoane, Suárez recollerá “da realidade galega a verdade da vida dos nosos
labregos e mariñeiros e a súa mentalidade, imprimindo á súa obra unha alta forma estética pola calidade e
autenticidade da fotografía”. As palabras de Seoane podemos estendelas ao ámbito universal, aos máis
diversos mundos captados polo fotógrafo galego: América, Xapón, o Mediterráneo ou La Mancha.
A obra de José Suárez cómpre situala nos parámetros do documentalismo, sempre desde unha
fonda comprensión do medio, lonxe de calquera afectación mais cun rigor formal extremo. Eis as súas
palabras a respecto do seu traballo, recollidas en 1967 no catálogo da mostra realizada en Vigo
Mariñeiros. Fotografías de José Suárez:
Nada máis lonxe do meu ánimo que o alarde de virtuosismo técnico, ou pseudoartístico, a través das fotografías que agora
expoño. O meu respecto cara o nobre medio de expresión que tanto incidiu na miña vida me afasta de incursións vergoñosas
nos campos do debuxo e da pintura –por non falar de recursos ou artificios menos explicábeis- porque entendo, ademais, que
existen profundas diferencias entre labor fotográfico e obra de creación.
A súa posición diante do traballo fotográfico cómpre inserila dentro das tendencias que nos anos
vinte e trinta se espallan polos Estados Unidos e Europa que pretenden tocar temas variados, examinar
rigorosamente o ser humano, o mundo, os obxectos e a natureza, na procura dunhas imaxes de grande
nitidez. Autores como os norteamericanos Edward Weston, Ansel Adams, Paul Strand ou os alemáns
Albert Rengen-Patzch e August Sander, representan á perfección esta tendencia que se poden ligar á
pintura alemá da época, de quen toma o nome de “Neue Sachlichkeit” (Nova Obxectividade).
Suárez realizou, nesta liña formal, nos anos trinta, series de temas galegos: traballos, oficios,
festas, entre as que debemos destacar os da “Romaría de San Vitoiro” (ca. 1932) no seu concello natal de
Allariz.
En 1935-36 elabora a serie “Mariñeiros” que é sen dúbida o seu traballo máis contundente cos seus
picados, abundantes contrapicados, corpos cortados, recursos todos das vangardas artísticas daquela
altura. Como afirman os mellores coñecedores da súa obra, Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal:
“Estas fotos caracterízanse pola ausencia de movemento, atopando non obstante, unha minuciosa
preocupación coa colocación de todos os elementos da escena, coidando dunha forma moi especial as
poses, as miradas e as expresións, metodoloxía que é propia do mundo do cine”.
“Mariñeiros” salienta polo estatismo e o enxalzamento da dignidade nas poses das figuras entre os
elementos ambientais do contexto laboral popular: redes, rizóns, cortizos das redes, pensos de pedra para
os aparellos…, fragmentos escolmados do mundo circundante. Suárez procura un tratamento do mundo
popular que se afaste do folclórico, consegue captar e crear unha imaxe galega liberada dos tópicos
costumistas mostrando mulleres e homes anónimos en esforzado traballo diario sobre a terra e o mar.
Esta serie de fotografías precede á rodaxe do filme Mariñeiros (1936), que non pode rematar en
Galicia debido ao comezo da Guerra Civil, que o vai levar ao exilio por mor da súa posición ideolóxica
nitidamente de esquerda. A fita, que se inscribiría dentro do documentalismo social dos anos trinta e moi
achegada ao cinema do director ourensán Carlos Velo, foi realizada para a produtora CIFESA e rodada nas
Rías Baixas. Sería o primeiro dunha serie de catro documentais que conformaría un mosaico das
tradicións, traballos e costumes galegos –os outros tres estarían dedicados aos canteiros, oleiros e
feirantes-. O estalido da Guerra Civil alterou de xeito fatal o filme, hoxe perdido.
Na Arxentina, Suárez traballa no cinema comercial e no xornalismo e establece estreitos vínculos
cos intelectuais do exilio: Núñez Búa, Lorenzo Varela, Luís Seoane, Manuel Colmeiro, José Bergamín,
Rafael Alberti, Pérez de Ayala… e abre a súa obra a novas temáticas, cun mantemento da pulcritude e rigor
formal que o caracterizan, como nas series dedicadas á Pampa e á Patagonía ou en “Nieve en la
Cordillera” (1941), sobre as montañas andinas, un exemplo perfecto desta paixón analítica que caracteriza
a fotografía de Suárez. Da Arxentina vai, en 1950, para Punta del Este, Uruguai, onde rexenta a librería El
Yelmo de Mambrino, de nome nitidamente cervantino.
Cómpre salientar a súa estadía xaponesa, país en que vive entre 1953 e 1955, como correspondente
de prensa, e do cal fica engaiolado, unha vivencia que vai ter como resultado fotografías que aínda que
seguen as pautas da súa produción teñen un certo ar poético na evocadora beleza das paisaxes e dos tipos
físicos representados.
En 1959 volve a Galicia onde continúa o traballo fotográfico e torna aos temas do campo e
mariñeiros, e tamén fotografa a cidade de Compostela.
En 1965 realiza as súas fotografías sobre La Mancha o que lle serve para conseguir un importante
encargo da editora inglesa Cassell, para a que vai realizar unha serie sobre a festa dos touros, publicada co
título de The Life & Death of the Fighting Bull.
As fotografías realizadas en La Mancha, como as feitas en Eivissa, caracterízanse por unha
presenza lumínica de forte intensidade, precisión e claridade que vai parella a unha minuciosa
preocupación coa situación de todos os elementos da escena e a un coidado especial polas poses, os
ollares, as expresións e as arquitecturas.
No conxunto do seu traballo está a paixón pola natureza e pola análise do ser humano e do mundo
que o rodea únese á vontade de comprensión da relación de homes e mulleres reais coa vida. Ao mesmo
tempo, a súa fotografía transmite as súas arelas e toda a súa complexidade vital. Nelas percibimos o que
Eduardo Blanco-Amor sinalaba a respecto da súa obra: a captación afastada do tópico e a plasticidade da
súa linguaxe fotográfica, na cal o emotivo está presente, mais sempre dosificado, delineado. As palabras
do grande escritor, el mesmo excelente fotógrafo afeccionado -con algunha obra fotográfica ben próxima
a Suárez- e figura senlleira da nosa diáspora, resumen fermosa e cabalmente o valor do traballo de Suárez:
Su cámara de cine, como sucede en los cuentos, desencantó por primera vez a la Pampa, con su gran cuerpo verde
yacente en los lugares comunes gráficos y literarios; y dignificó, en el mismo oficio, relatos misérrimos con el nuevo lenguaje
de una plasticidad obtenida por la emoción y por el saber, dando existencia cabal a lo que quedara demorado en una
dulzarrona bobería. Y con la cámara quieta -¿quieta?- fue desentrañando luego el lirismo de tierras largas y razas secretas; la
Cordillera, el extremado y fascinante mundo austral, el Altiplano tan airoso, tan luminoso –tan hermético-, por donde pasaron
innumerables ojos “informativos” que miraron sin ver… Luego, largamente, el Japón –recogido como a pinceladas sobre seda-
siempre “heroico y galante”, hogaño sacudido de factorías, con el smog en lo que fué aire desdibujado, en sucio, el alboroto
de los crisantemos y esmerilando los cerezos y su albura.
Carlos L. Bernárdez
Lugar: Salas 1 e 2
Horario: Luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h., sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00h.
Precio: De balde
Visitas guiadas:
Comisariado: Carlos L. Bernárdez
Esta exposición non ten ningún video asociado
“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” xurde por iniciativa da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de […]
Organiza a Real Academia Galega de Belas Artes.