“Pintura rupestre esquemática e as paisaxes marcadas do noroeste peninsular”

Conferencias 29 de marzo ás 20:00

Imparte a Doutora da área de Prehistoria Beatriz Comendador Rei.

Dende hai mais dunha década, está aberta unha importante liña de investigación sobre o encontro de grandes tradicións de arte rupestre prehistórico no noroeste peninsular, que nestes dous últimos anos ven a ser reforzada polo achado de sitios con Pintura Rupestre Esquemática ou Arte Esquemático Pintado nas áreas surorientais de Galicia, e que confirma o seu enorme potencial. Esta conferencia mostrará un panorama integrado destes achados, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre da totalidade do noroeste peninsular, onde se coñecen ata a actualidade mais de 50 sitios. Se presenta ademais un avance dos resultados da recente actuación arqueolóxica desenvolvida no abrigo pintado de Penedo Gordo (Vilardevós), financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio e realizada por un equipo galaicoluso dirixido pola Universidade de Vigo.

“Beatriz Comendador Rei, arqueóloga, e profesora contratada doutora da Área de Prehistoria, da Facultade de Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Traballou como bolseira de catalogación e inventario de fondos de museos da Xunta de Galicia, e do Concello de A Coruña entre 1998-2001, así como arqueóloga do Proxecto Artabria, para a recuperación e posta en valor do xacemento arqueolóxico Castro de Elviña do concello de Coruña entre 2002 e 2004. Como profesora asociada dende 2005, participou en diversas actuacións patrimoniais de investigación e difusión con diferentes empresas de arqueoloxía. Accedeu á súa actual praza en 2010, e foi decana da Facultade de Historia de Ourense (2011-2014) e vicedecana da mesma (2014-2017), así como coordinadora do Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo (2014-2017).

Actualmente é coordinadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e membro da comisión do Programa interuniversitario de doutorado en Protección do Patrimonio (Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela). Tamén coordina o Grupo de Innovación Docente en EducAcción Educación Patrimonial da Universidade de Vigo, e membro da rede internacional COODTUR- Investigadores en Turismo, Cooperación e Desenvolvemento.

Realizou a súa tese doutoral sobre a metalurxia prehistórica e sociedades da prehistoria recente do noroeste peninsular, participando e/ou dirixindo varios proxectos, e con máis dunha centena de artigos e aportacións a congresos.

Dende o ano 2008 dirixiu participou no equipo de varios proxectos de investigación arqueolóxica na área tras fronteiriza do val do Támega, desenvolvidos en colaboración con diversas entidades da comarca.

Entre as súas recentes aportacións destacan unha primeira aproximación integrada sobre a arte esquemática pintada do noroeste peninsular publicada na revista Gallaecia, conxuntamente coa investigadora Lara Bacela Alves, da Universidade de Coimbra. Actualmente dirixe a investigación do xacemento de Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), un dos tres sitios onde se ten atopado Arte Esquemático Pintado en Galicia. A recente intervención neste xacemento, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, ten permitido recuperar importantes indicios da ocupación prehistórica do lugar”.

Unha actividade promovida por Ateneo de Ourense.

  • ¡Compárteo!