Eventos 07 de novembro de 18:30
Organizado por Eva Cabanelas e Andrea Muras, reúne participantes que presentarán monólogos científicos de tres minutos en galego. Unha tarde de humor, ciencia e aprendizaxe para tódolos públicos.
A ciencia, o humor e a divulgación danse a man nunha nova edición de Ciencia Calidade, o primeiro concurso de monólogos científicos en galego, que chega por primeira vez a Ourense tras catro edicións celebradas en Lugo e A Coruña.
Organizado por Eva Cabanelas e Andrea Muras, o certame celebra a súa quinta edición cunha final na que as persoas participantes estrearán ante o público monólogos científicos de tan só tres minutos. A través do humor, a creatividade e unha linguaxe accesible, abordarán temas moi variados, desde as ciencias da saúde ata as ciencias sociais, demostrando que a ciencia tamén pode ser divertida e estar ao alcance de todo o mundo.
A proposta promete unha tarde chea de risas, curiosidades, aprendizaxes e sorpresas, na que a divulgación científica e a lingua galega serán as grandes protagonistas.
A entrada será libre e gratuíta, pero será necesario reservar previamente a través da plataforma Eventbrite. A ligazón para conseguir as entradas publicarase proximamente no perfil de Instagram @cienciacalidade, onde tamén se poderá consultar o cartel definitivo e as novidades do evento.
Unha oportunidade para descubrir a ciencia desde unha perspectiva diferente, amena e participativa, nun encontro pensado para todos os públicos.