CONCENTRADOS

CONCENTRADOS

COLECTIVA

Acisclo Novo, Andrade, Cándido Fernández Mazas, Christian Villamide, Cochorro, Jorge Varela, José María Rielo, Luciano Couselo, Manolo Ebra, Manuel Bouzo, Nito Contreras, Pablo Otero, Renzo Bellanca, Silverio Rivas, Vítor Mejuto, Xesús Carballido


  • ¡Compárteo!

Textos da exposición

A primeiros do ano 2000, co cambio de século e de milenio, o centro cultural “Marcos Valcárcel” abriu as súas portas a unha cidadanía expectante por ver como daba os primeiros pasos este recinto arquitectónico fabuloso que nacía cheo de incógnitas.

 

O edificio, un marabilloso contedor, estaba completamente espido. Paredes baleiras que eran, á vez, un reto e un convite. ”Mozuela”, de Cándido Fernández Mazas, foi o primeiro cadro en pendurar no seu novo fogar. Trátase dunha obra pintada en París nos anos vinte do pasado século e que xa pertencía aos fondos artísticos da Deputación de Ourense. A partir dese momento, o espazo foi, pouco a pouco, acollendo traballos de autores locais e de artistas procedentes de diferentes lugares de fóra da nosa provincia. Incluso do estranxeiro, como a obra de Renzo Bellanca, representada coa peza “Código sicano”.

 

Nesta mostra fixemos unha escolma deses fondos que ao longo de case que dúas décadas foi asumindo a Deputación e que debuxan en boa medida o traballo de apoio aos creadores locais, por una banda, e de apertura e outras experiencias, tamén.

 

O nexo de unión destes traballos, baixo o título de CONCENTRADO, é a capacidade dos artistas para crear obras excelentes en formatos pequenos, algún case diminuto coma o de Xesús Carballido, a obra máis pequena dos fondos da institución. Esa capacidade de concentración, de demostrar que a calidade nada ten que ver co tamaño é o fío condutor desta idea.

 

Hai artistas asentados fóra de Galicia como José María Rielo, Luciano Couselo, Manuel Bouzo, Andrade ou Nito Contreras. Representantes desa nova xeración de creadores locais entre os que están Pablo Otero, Acisclo Novo ou Jorge Varela. Vítor Mejuto e Christian Villamide representarían esa mesma xeración, pero en artistas galegos non ourensáns. Por suposto, tamén creadores maduros como Silverio Rivas ou Cochorro. Tamén, artistas pouco habituais como Manolo Ebra.

 

Esta polivalencia, esta pluralidade de arte “concentrada” é un agasallo para a vista e o desfrute, unha invitación a mirar cara atrás e ver o traballo feito para seguir por un camiño que está cheo de sorpresas aínda por descubrir.

 

Francisco González

Currículum do artista